A primeiros deste mes de setembro vén de publicarse en castelán o novo libro do autor catalán Jaume Cabré Jo confesso publicado pola editorial Destino; non podemos achegar o tema desta novela de case 1000 páxinas que nos ten literalmente "enganchados" desde a primeira páxina: A historia de Adriá ( a súa vida de neno á madurez, o seu amor, as súas paixóns, as súas capacidades lingüísticas...), a historia dun violín con nome, con vida propia (Vial), ou un complexo tratado sobre o MAL ( o Mal que acompaña ao home, que o move ao longo da Historia).
Certo é que o violín é o elemento arredor do que se vai artellando a vida de Adriá e as historias deses personaxes que encarnan o MAL: a propia envexa que leva ao asasinato, inquisidores desexoxos de lume en nome de Deus, doutores nazis que experimentan coa dor dos nenos, islamistas que ocultan os seus excesos sexuais trala lapidación da muller. O MAL arroupado pola música que enche toda a novela, pola beleza da arte (... Cuando se ha degustado una vez la belleza del arte, la vida cambia...)
Unha estrutura intelixente dirixida a un lector intelixente: unha combinación de saltos temporais (cinco séculos da historia de Europa), de espazos (Barcelona, Tubinga, Italia, Centroeuropa) e de continuas mudanzas de puntos de vista (no mesmo parágrafo pasamos dun narrador en primeira persoa, á omnisciencia ou a unha terceira persoa) que esixen unha atención que nos levará da aparente dispersión de historias, personaxes e narradores á unidade de todos os elementos narrativos; a música do violín atenuando os horrores, a crueldade, envolvéndonos cunha pinga de sangue maldito na caixa do mesmo.
E os meus personaxes favoritos: O sheriff Carson e Águila Negra da valerosa tribu dos arapaho (Jau) testemuñas fieis desde a mesiña de noite dos acertos e dos desatinos do Adriá neno e do home, e Lola-Xica omnipresente mesmo despois da súa morte...
Reconstruímos a historia pouco a pouco como se dos fragmentos dun cadro cubista se tratase, unha gran novela, unha novela nova, fresca, moi ben construída coma hai tempo que non lía, un pracer para a arte e para o gozo da lectura.
No hay comentarios:
Publicar un comentario