Mostrando entradas con la etiqueta inclusion. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta inclusion. Mostrar todas las entradas

domingo, 8 de mayo de 2016

DE BIBLIOTECAS, MARXINALIDADE E INCLUSIÓN SOCIAL.


Veño de ler o artigo "EL MAYOR PROBLEMA DE LA EDUCACIÓN EN ESPAÑA: LA INCLUSIÓN SOCIAL" que José Manuel Pérez Tornero publica no seu blog Pensamiento crítico/Comunicación / Educación e comparto en gran medida as afirmacións que nos achega no mesmo, coma:

O problema máis importante da Educación en España é A INCLUSIÓN SOCIAL.

O 100% dos menores de 16 anos están escolarizados ( aída podería citar varios casos de adolescentes non escolarizados) pero hai un importante porcentaxe de absentismo e moitos deles non titulan na Secundaria Obrigatoria.

O contexto socioeconómico das familias é un factor importante a ter en conta na eficacia do noso sistema educativo.

A partir deste punto desenvolve que a pobreza económica é o principal factor que repercute na pobreza educativa pero desde o meu punto de vista hai factores como "A MARXINALIDADE SOCIAL" que marcan  a moitos dos rapaces e rapazas do noso país, da que se fala pero para a que non se buscan solucións.

Os que nos nosos centros temos alumnado con este perfil buscamos como atemperar as consecuencias desta marxinalidade, como sortear as xustificacións ao absentismo e ás actuacións contrarias á convivencia, por parte das familias, e os resultados son mínimos comezando polo fracaso ás nosas  solicitudes de recursos humanos e materiais para combater esta eiva na nosa escola.

A biblioteca pode e debe ser un espazo que nos axude a compensar desigualdades, sociais neste caso máis que económicas. Os nosos alumnos e alumnas non posúen nos seus fogares bibliotecas familiares, non posúen ordenadores con conexión á internet (aínda que si posúan móbiles de última xeración), non len porque na súa casa non len e porque as súas competencias en lecto-escritura son deficientes (a pesar de estar escolarizados desde 1º de Primaria).

É labor pois da nosa bibioteca intentar mudar hábitos, conquistalos para que accedan ao espazo desta e que se sintan acollidos no mesmo, xa que doutro xeito non entrarían.

No noso catálogo debemos ter libros, filmes e música adaptados ás súas necesidades e gustos. 

Debemos deseñar pequenos proxectos dirixidos a eles, onde se combinen prácticas modeladas tendo en conta o seu perfil, reunilos, lerlles poemas, falar con eles, escoitalos (que aínda que nos sorprenda teñen moito que dicir e precisan da nosa atención e non das nosas sancións).

A biblioteca pode abrirlos a un mundo máis ordenado, onde atopen unha serenidade que non teñen no seu habitat familiar, un mundo sen berros, onde o silencio traia a calma e as súas palmas e os seus cantos permitan que se comuniquen con nós.

E tal vez poida pasar isto, da marxinalidade ao ceo da pintura:

A pintora Lita Cabellut

sábado, 2 de abril de 2016

BIBLIOTECA INCLUSIVA: Práctica e espazo.

A biblioteca pode funcionar como elemento INCLUSIVO e compensador de desigualdades polas súas prácticas e polo seu espazo.
No noso caso, tres profesoras do equipo estamos traballando a CONVIVENCIA POSITIVA coa fin de XESTIONAR BEN e RECONDUCIR OS CONFLITOS cun grupo de mozos e mozas do noso centro que se atopan en risco de exclusión social pola etnia e polo grupo social aos que pertencen e que resultan especialmente conflitivos nas súas prácticas cos compañeiros e co profesorado.

Cunha certa periodicidade, convocámolos na biblioteca para interactuar con eles a través da palabra, da lectura e da música; trátase de sesións complicadas de xestionar á hora de manter o seu interese e unha actitude positiva ante o que estamos facendo, alternamos pequenas lecturas con moito diálogo e coa súa música e tratamos os temas da convivencia, da igualdade e dos conflitos escolares e sempre cantan e palmean para nós.

Unha das experiencias máis enriquecedoras que estamos vivindo na biblioteca é cando soan as palmas e as súas voces entonan cancións de amor, amores intensos e imposibles, e coido que todos os libros da biblioteca vibran e recobran vida ao son das súas palmas... igual que os nosos corazóns.

É outra forma de lectura, a lectura das letras das cancións nas súas voces quebradas e no ritmo das súas palmas.