martes, 12 de julio de 2016

En homenaxe: Agustín Fernández Paz.

No día de hoxe a Literatura galega en xeral e a Literatura galega infantil e xuvenil galega perden ao seu máis especial representante: Abandonounos Agustín Fernández Paz.

Agustín que nos acompañou coas súas fermosas palabras nas aulas, nos clubs de lectura, nas xornadas... eterno será por sempre o seu legado pois queda entre nós coma un fermoso presente que das súas mans recibimos e comprometémonos a conservar e difundir entre os nenos e nenas galegos.

Recollemos a herdanza do seu compromiso coa terra, coa lingua e coa cultura do país, grande entre os grandes da nosa literatura gardaremos os mellores momentos que puidemos compartir con el.



Agustín Fernández Paz nos Clubs de Lectura do IES de Poio:

http://ostrasnosdoslibros.blogspot.com.es/search/label/Agust%C3%ADn%20Fern%C3%A1ndez%20Paz


e no blog da nosa biblioteca:

http://aszocasfaladoras.blogspot.com.es/search/label/Agust%C3%ADn%20Fern%C3%A1ndez%20Paz


E unha curtametraxe sobre unha escena de Fatasmas de luz:

http://aszocasfaladoras.blogspot.com.es/2013/04/fantasmas-de-luz-unha-curtametraxe-en.html


Que a terra lle sexa leve.


martes, 14 de junio de 2016

SELO DE BIBLIOTECA ESCOLAR SOLIDARIA.

Esta mañá foi publicada no portal da Xunta a concesión do "SELO DE BIBLIOTECA ESCOLAR SOLIDARIA" e a nosa biblioteca resultou merecedora dun dos seis selos outorgados:



Esta "concesión do Selo “Biblioteca Escolar Solidaria” outórgase a aquelas bibliotecas nas que se traballa de forma salientable a compensación de desigualdades e se fomenta o voluntariado cultural entre os integrantes da comunidade escolar. Este selo é un recoñecemento ao traballo das comunidades educativas a prol dunha biblioteca escolar atenta ás necesidades de todos os seus integrantes en materia de lectura e de acceso ao coñecemento.

Poden optar á concesión do selo os centros que traballen nos seguintes ámbitos:

  •  Reforzar os valores de xustiza e solidariedade, propiciar de forma salientable a compensación de desigualdades e favorecer o uso dos recursos con fórmulas de aproveitamento axeitadas mediante un programa de medidas estruturais e sistematizadas.
  • Contar con alumnado voluntario da biblioteca.
  • Involucrar ás familias como colaboradoras da biblioteca escolar: familias voluntarias.
A concesión do Selo quedou publicada tamén no blog das bibliotecas escolares de Galicia:



Estamos encantados con este novo recoñecemento á nosa biblioteca e felicitamos ademais á Asesoría de Bibliotecas escolares de Galicia por poñer en marcha esta iniciativa. 

Seguiremos traballando no camiño da compensación de desigualdades e por unha biblioteca máis inclusiva.

Parabéns a todos e todas os que participamos neste proxecto.


lunes, 6 de junio de 2016

RELATO DIXITAL DE "CABALOS E LOBOS" DE FRAN P. LORENZO

O reto para as lecturas da 3º avaliación en 1º de bacharelato era variado: realizar un booktoober, un relato dixital, unha recensión sobre o libro que escolleran, e comezan a chegar os primeiros resultados:
Carlos Simes de 1º de bacharelato A, preséntanos este relato dixital (A narración dunha historia contada en poucos minutos mediante diversos recursos multimedia)sobre a novela "Cabalos e lobos" de Fran P. Lorenzo:

miércoles, 1 de junio de 2016

Presentamos a nosa biblioteca ao futuro alumnado de 1º de ESO.




Recibimos na mañá de onte ao alumnado das escolas adscritas ao noso IESe que será o alumnado de 1º de ESO no vindeiro curso 2016/17.

Presentámoslles a nosa biblioteca e falamos con eles do seu funcionamento; alegrounos comprobar que moitos deles xa están participando como voluntariado de biblioteca nos seus coles.



Falámoslles tamén do noso proxecto de clubs de lectura e mostráronse moi interesado en participar deles, hai que ir formando canteira.



De despedida, agasallámolos cun marcalibros do Día do libro e das Bibliotecas Escolares Galegas. Foi un gustazo ver a biblioteca tan chea de novas voces.


Presentación do libro " Habilidades gimnástico- acrobáticas" de Francisco Sáez.




Na mañá de onte tivemos o pracer de presentar ao alumnado de 1º de bacharelato o libro "Habilidades gimnástico acrobáticas" da autoría do profesor e antigo compañeiro do noso centro Francisco Sáez Pastor.










Foi unha presentación moi didáctica e ao tempo moi entrañable xa que o autor fora titor destes alumnos cando eles estaban en 2º de ESO e moitas das actuacións que se presentaban neste libro formaban parte das prácticas realizadas polo alumnado no seu momento nas aulas de Educación Física.


O profesor Francisco Sáez faloulles da práctica da Educación Física desde o punto de vista da didáctica da materia e da posta en práctica da mesma, da conveniencia e necesidade da realización de moitos dos exercicios do libro, que van acompañados de deseños realizados polo propio autor e da importancia de executalos con corrección e seguridade para evitar lesións.



O autor foi presentado polo escritor Xesús Constela e acompañado polos seus compañeiros do instituto.




Os nosos parabéns para o autor.




domingo, 15 de mayo de 2016

MANUEL MARÍA: Cambio chapa por versos.

Co gallo da celebración do DÍA DAS LETRAS GALEGAS adicado ao poeta MANUEL MARÍA  a nosa biblioteca en colaboración co Equipo de Dinamización Lingüística do noso IES vai desenvolver unha serie de accións para visualizar a figura do noso escritor chairego.

Unha delas foi o deseño dunha chapa coa imaxe de Manuel María e a lenda " Precisamos a lingua se queremos vencer".

A biblioteca cambiará estas chapas aos seus usuarios por versos do autor e agasallaraos ademais cun marcalibros conmemorativo das Letras e do ano Manuel María.





domingo, 8 de mayo de 2016

PREMIOS LITERARIOS XAIME ILLA.

Veñen de ser fallados os premios do concurso literario XAIME ILLA, entre os seleccionados temos varios alumnos e alumnas, ex-alumnos e ex-alumnas, parabéns para todos eles e elas.
Nalgún dos casos temos unha gañadora recén chegada a Galicia de alén dos mares  que non se amedretou e presentou un relato en galego... Será cousa da lúa... Bravo por ela!.
Esperamos poder reunilos en breve na nosa biblioteca para que nos lean os seus relatos e poemas.
De novo parabéns.

http://www.farodevigo.es/portada-pontevedra/2016/05/08/fallados-premios-do-concurso-literario/1456995.html


Relación de gañadores ecomunicado da Concelleira de Cultura, Lidia Salgueiro:
Grupo C: de 12 a 13 anos*.
Poesía C­4 Adrián Besada Padín
Relato C­5 Sara Albar Ameneiros
Grupo D: de 14 a 15 anos.*
Poesía D­1 Gonzalo Sanmartín Barragáns
Relato D­1 Gonzalo Sanmartín Barragáns
Grupo E : de 16 a 18 anos.*
Poesía E­1 Carmen Ansín Vallejo
Relato E­3 Nicol Alexandra Chan Granado
Grupo F: de 18 anos* en diante.
Poesía F­6 Rocío Leira Castro
Relato F­5 Santiago José Cruz Muñoz
Os membros do Consello Municipal, que valoraron un total de 72 traballos, e a súa presidenta, a Concelleira de Cultura, Lidia Salgueiro Piñeiro, trasladáronlle os seus parabéns a cada undeles/delas, e o agradecemento a todos os/as participantes que se presentaron ao concurso, así como a imprescindible colaboración do profesorado dos centros participantes nesta iniciativa.
Os premios entregaranse o vindeiro 17 de maio nun acto que se celebrará no Centro Cultural Xaime Illa Couto, co gallo da celebración do DÍA DAS LETRAS GALEGAS, a partir das 17:30h. Quedades convidades!!!

DE BIBLIOTECAS, MARXINALIDADE E INCLUSIÓN SOCIAL.


Veño de ler o artigo "EL MAYOR PROBLEMA DE LA EDUCACIÓN EN ESPAÑA: LA INCLUSIÓN SOCIAL" que José Manuel Pérez Tornero publica no seu blog Pensamiento crítico/Comunicación / Educación e comparto en gran medida as afirmacións que nos achega no mesmo, coma:

O problema máis importante da Educación en España é A INCLUSIÓN SOCIAL.

O 100% dos menores de 16 anos están escolarizados ( aída podería citar varios casos de adolescentes non escolarizados) pero hai un importante porcentaxe de absentismo e moitos deles non titulan na Secundaria Obrigatoria.

O contexto socioeconómico das familias é un factor importante a ter en conta na eficacia do noso sistema educativo.

A partir deste punto desenvolve que a pobreza económica é o principal factor que repercute na pobreza educativa pero desde o meu punto de vista hai factores como "A MARXINALIDADE SOCIAL" que marcan  a moitos dos rapaces e rapazas do noso país, da que se fala pero para a que non se buscan solucións.

Os que nos nosos centros temos alumnado con este perfil buscamos como atemperar as consecuencias desta marxinalidade, como sortear as xustificacións ao absentismo e ás actuacións contrarias á convivencia, por parte das familias, e os resultados son mínimos comezando polo fracaso ás nosas  solicitudes de recursos humanos e materiais para combater esta eiva na nosa escola.

A biblioteca pode e debe ser un espazo que nos axude a compensar desigualdades, sociais neste caso máis que económicas. Os nosos alumnos e alumnas non posúen nos seus fogares bibliotecas familiares, non posúen ordenadores con conexión á internet (aínda que si posúan móbiles de última xeración), non len porque na súa casa non len e porque as súas competencias en lecto-escritura son deficientes (a pesar de estar escolarizados desde 1º de Primaria).

É labor pois da nosa bibioteca intentar mudar hábitos, conquistalos para que accedan ao espazo desta e que se sintan acollidos no mesmo, xa que doutro xeito non entrarían.

No noso catálogo debemos ter libros, filmes e música adaptados ás súas necesidades e gustos. 

Debemos deseñar pequenos proxectos dirixidos a eles, onde se combinen prácticas modeladas tendo en conta o seu perfil, reunilos, lerlles poemas, falar con eles, escoitalos (que aínda que nos sorprenda teñen moito que dicir e precisan da nosa atención e non das nosas sancións).

A biblioteca pode abrirlos a un mundo máis ordenado, onde atopen unha serenidade que non teñen no seu habitat familiar, un mundo sen berros, onde o silencio traia a calma e as súas palmas e os seus cantos permitan que se comuniquen con nós.

E tal vez poida pasar isto, da marxinalidade ao ceo da pintura:

A pintora Lita Cabellut

jueves, 5 de mayo de 2016

Marcapáxinas para o Día das Letras.

Este é o noso agasallo para todos e todas os que nos visiten neste mes de maio das LETRAS GALEGAS:


lunes, 2 de mayo de 2016

Nómades. Obradoiro de Banda Deseñada


Nun mes cargado de actividades relacionadas coas nosas letras visitou o noso instituto un ano máis o ilustrador e debuxante Xosé Tomás. 
Nesta ocasión a idea era aprender as ferramentas básicas para levar unha historia ao papel da Banda Deseñada, tomando como fío condutor a obra de Nómades.
O alumnado de 3º ESO leu a obra e a partir dunhas preguntas como punto de partida  foron analizando a obra tanto dende a perspectiva narrativa coma formal.


Coma en anos anteriores deixounos a súa pegada no recordatorio e nos seus debuxos.

domingo, 1 de mayo de 2016

A ROTURA DAS PAISAXES, teaser de MARIO IGLESIAS

Da conxunción dos astros e da unión das artes, da literatura e da poesía coa imaxe e o son, xorde este teaser ( imaxes e son que relacionan o vídeo e o texto) do noso compañeiro e profesor, director de filmes, Mario Iglesias e do texto poético de Xesús Constela no seu novo libro A ROTURA DAS PAISAXES, unha marabilla marabillosa:


Presentación de A ROTURA DAS PAISAXES novo libro de XESÚS CONSTELA.


O pasado 28 de abril asistimos á presentación do novo libro do noso compañeiro e colaborador da biblioteca XESÚS CONSTELA, A ROTURA DAS PAISAXES, no museo de Pontevedra. Resultou un acto moi emotivo pois o escritor estivo arroupado por un numeroso grupo de compañeiros e alumnos do IES de Poio. O noso escritor atopábase moi contento da presentación desta nova obra súa.

Compartimos a recensión que do acto fixo MANUEL BRAGADO no seu blog BRÉTEMAS agradecéndolle que nos permitira esta re-publicación coa fin de que chegue a todos os alumnos e alumnas de Xesús Constela a través do blog da biblioteca.

"Máis dun cento de persoas participaron onte no Museo de Pontevedra na presentación d´A rotura das paisaxes de Xesús Constela. Un acto organizado polo Atneo de Pontevedra que resultou fermoso, divertido, emocionante nalgúns momentos, onde o autor conversou co xornalista e crítico Ramón Rozas e recitou parte do poemario “Cidade castigada” (incluído na novela). Un serán literario no que puidemos gozar da estrea dun teaser conmovedor sobre a obra preparado polo cineasta Mario Iglesias e locutado por Ruth Sabucedo.



Comezou a conversa Ramón Rozas cualificando A rotura das paisaxes como “novela importante, que consolida unha obra singular coa que autor dá un salto cualitativo na maneira de escribir e como facelo. Un salto que se iniciara a partir de 15.724, asumindo dende entón Constela un risco, concibindo a actividade literaria como carácter de aventura, que fideliza ao lector por crear un mundo tan singular e inesperado”. Rozas definiu a novela como “relato poliédrico de moitas narracións que se van enfiando a través da conversa de dous personaxes que camiñan nunha praia”. Na primeira das súas intervencións, Constela confesou que se dedicaba á literatura “por que son feliz escribindo”, porén, recoñeceu que “a publicación deste libro dáme un pouco de medo, é arriscado, non é narrativa ao uso”. “A rotura das paisaxes é unha homenaxe a Rayuela de Cortázar, razón pola que o libro ten dúas formas de lectura, como un libro de relatos ou como unha novela que contén un relato principal no que os contos forman parte da trama”.

(...)

Rozas preguntou sobre as preocupacións do Constela narrador. O autor non dubidou en confesar que “sacar da cabeza as cousas que teño dentro, canalizalas na escrita de xeito que ao lector lle guste”. “Na literatura busco poder seguir facendo os experimentos que fago e poder transmitir as cousas que teño na cabeza de xeito que a xente as entenda.” A seguir, Rozas salientou a intención de Constela de “atopar tanto unha voz singular como que o lector sinta as cousas sen necesidade de dicirlle nada”. A ese respecto, Constela dixo que intentara en todo o libro eliminar ao narrador, “quería que o lector soubese o que pasaba a partir dos propios personaxes, o narrador funciona aquí como un espectador, o que sei que é difícil de conseguir”. Con respecto a outra cuestión afirmou que “o mellor que lle pode pasar a un artista, sexa un pintor ou un escrtior, é te runha voz propia, é o meu gran reto persoal, ter esa voz”.

Ramón Rozas preguntou, entón, sobre como conseguir que o lector olle a realidade doutra maneira. Constela confesou que sempre intentara “ver a realidade dun xeito distinto; gústame observar a realidade que me circunda, todo”. Seguiu a conversa sobre a devoción común sobre Julio Cortázar, tanto pola sensación de misterio dos relatos como polo xeito de afrontar a lectura da novela. A este teor, Constela recoñeceu que lle encantaba pasear pola praia cos cans, “no inverno en Lourido, Areas ou A Lanzada atopas de todo”. “O máis difícil que Cortázar conseguiu foi tecer un fío co lector sobre algo que poida parecer absurdo, pero absolutamente verosímil e coherente no relato. ë moi díficl de conseguilo. Eu inténtoo tamén. Lévame moito tempo corrixir e corrixir para conseguir esa capacidade de conectar co lector”.

(...)


lunes, 25 de abril de 2016

A cabeceira de"As zocas faladoras" ilustración nun libro de texto


A cabeceira do blog da nosa biblioteca serve para ilustrar o tema de "blogs educativos" no libro de texto de Lingua galega e literatura de 4º de ESO da Editorial Anaya:


ENCONTROS COA CREACIÓN NA BIBLIOTECA.


O pasado 23 de abril, Día do libro, o xornalista Ramón Rozas visitou a nosa biblioteca para realizar unha entrevista muy especial polo de conxunta e creativa: Ao noso compañeiro e escritor Xesús Constela e á nosa ex-alumna e escritora Tamara Andrés.

Unha gozada para a nosa biblio xa que ambos os dous creadores están moi relacionados coa nosa biblioteca e cos nosos clubs de lectura como participantes (Tamara cando alumna) e colaboradores entusiastas (Xesús).

Fermosa entrevista na que tamén estivo presente a nosa Rosalía que con atención os escoita e observa desde o seu posto de honor na biblio.

Nos deixedes de atrás nin unha soa liña desta entrevista publicada hoxe no Diario de Pontevedra, onde a maiores das palabras dos nosos autores destacamos tamén a mestría de Ramón Rozas, o xornalista e as fermosas fotos de Gonzalo García (grazas aos dous, xornalista e fotógrafo, por permitirnos compartir o seu traballo).




jueves, 21 de abril de 2016

Manuel María no IES de Poio

Manuel María chegou para quedarse, desde o día de hoxe un mural da autoría de Mario Iglesias acompáñanos na entrada do noso centro; damos por inaugurados os actos de celebración das Letras Galegas 2016.



miércoles, 6 de abril de 2016

Revisión do PLC (II): Prácticase habilidades na BE

Seguimos documentándonos e elaboramos este mapa conceptual para a revisión do PLC a partir dos datos de "Leer en el centro escolar" de Gemma Lluch e Felipe Zayas:


sábado, 2 de abril de 2016

BIBLIOTECA INCLUSIVA: Práctica e espazo.

A biblioteca pode funcionar como elemento INCLUSIVO e compensador de desigualdades polas súas prácticas e polo seu espazo.
No noso caso, tres profesoras do equipo estamos traballando a CONVIVENCIA POSITIVA coa fin de XESTIONAR BEN e RECONDUCIR OS CONFLITOS cun grupo de mozos e mozas do noso centro que se atopan en risco de exclusión social pola etnia e polo grupo social aos que pertencen e que resultan especialmente conflitivos nas súas prácticas cos compañeiros e co profesorado.

Cunha certa periodicidade, convocámolos na biblioteca para interactuar con eles a través da palabra, da lectura e da música; trátase de sesións complicadas de xestionar á hora de manter o seu interese e unha actitude positiva ante o que estamos facendo, alternamos pequenas lecturas con moito diálogo e coa súa música e tratamos os temas da convivencia, da igualdade e dos conflitos escolares e sempre cantan e palmean para nós.

Unha das experiencias máis enriquecedoras que estamos vivindo na biblioteca é cando soan as palmas e as súas voces entonan cancións de amor, amores intensos e imposibles, e coido que todos os libros da biblioteca vibran e recobran vida ao son das súas palmas... igual que os nosos corazóns.

É outra forma de lectura, a lectura das letras das cancións nas súas voces quebradas e no ritmo das súas palmas.

DÍA DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL 2016

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL

Desde 1967, o 2 de abril, coincidindo coa data do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, o IBBY promove a celebración do Día Internacional do Libro Infantil co fin de promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos.

Ao longo desta semana nos nosos encontros na biblioteca iremos lendo o pregón do Día do libro deste ano que tedes a continuación:



E aquí tedes o fermoso cartel para a celebración deste ano:


Encontro coa escritora Ledicia Costas.



Escarlatina chegou á biblioteca do IES de Poio da man da escritora Ledicia Costas.

As historia de avós con coches especiais, de gatos na lavadora e de personaxes do inframundo fixéronnos soñar con Escarlatina e preparáronnos para a chegada de Esmeraldina.

Tamén puidemos falar de Estravaganza e o Salón do libro.

Podedes ver as imaxes na seguinte ligazón:




E tamén houbo tarefas: 



martes, 29 de marzo de 2016

lunes, 21 de marzo de 2016

Agasallámonos coa poesía:

Fermosos agasallos poéticos para o 21 de Marzo, Día da Poesía 2016:






Sigue el tablero Agasallámonos coa poesía de Anxos en Pinterest.

21 de Marzo: Día da Poesía con Manuel María

BIOGRAFÍA DUNHA FOLLA:


Da man da selección da biblioteca da Biblioteca do IES San Paio de Tui  celebramos o día cos versos de Manuel Antonio:




E unímonos á convocatoria da Fundación Manuel María publicamos os versos do poeta en TWITTER cos hastag:
#Diadapoesia #Manuelmaria.

Agromou a folla. Naceu 
para ollar con asombro
 ao universo para clarificar a Primavera.
Escoitou a música 
enfebrecida e delicada
 dos paxaros. Tremeu 
de desexo e de paixón 
cos agarimos mainos 
e sutis da brisa 
recendente e invisible. 
Contemplou enviso 
a máxica floración 
de todo canto existe.
deuse ao estío.
 Ao chegar o Outono 
desprendeuse da árbore 
que a ataba e , sen máis,
botouse mundo adiante.

BIOGRAFÍA DUNHA FOLLA. MANUEL MARÍA. 






martes, 23 de febrero de 2016

DÍA DE ROSALÍA 2016.

Este curso,  coma xa vén sendo o noso costume,  unímonos á celebración de Rosalía na campaña da AELG #Mobilizarosalía. 

Aproveitamos ademais as imaxes liberadas pola Deputación de A Coruña das ilustradoras:  Uqui Permui, Aurora Cascudo, Aldara Prado e Paula Mayor para a elaboración do noso tríptico poético.

" Trocando en sonrisas

queixiñas e choros".




martes, 16 de febrero de 2016

DÍA DO LIBRO DE CIENCIA.(Libros informativos III)

O 17 de febreiro celebramos o día do Libro de Ciencia "Por que os libros da ciencia tamén animan a ler".
O "Consejo superior del libro" escolle esta data porque está perto da data do nacemento de Galileo Galilei e de Copérnico.

Na nosa biblioteca intentamos visualizar os libros informativos e libros de ciencia a través de books traillers creados polos noso alumnos e alumnas de 1º de bacharelato.

Agora vos presentamos o elaborado por Sabela Quintillán de 1º de bacharelato B sobre
A interpretación  dos soños de Sigmund Freud:




Podedes ver outros book traillers no seguinte enlace:

http://aszocasfaladoras.blogspot.com.es/search/label/libros%20informativos

domingo, 14 de febrero de 2016

Manuel María, poeta do amor. (Biblioteca do IES San Paio)

Da man do IES San Paio de Tui chéganos outra das súas marabillosas seleccións textuais; co gallo do Día dos namorados que nos xa tiñamos celebrado pola Candeloria republicamos esta escolla de poemas amorosos de Manuel María o poeta ao que lle adicamos este ano as Letras Galegas:



domingo, 7 de febrero de 2016

FALANDO DE IGUALDADE

Esta mañá reunímonos na biblioteca para dialogar coas nosas rapaza (Selene, Sulamita, Rocío, Esmeralda e Lidia) para falar de igualdade.
Comezamos a sesión lendo "Unha carta dunha adolescente xitana á súa nai" que nos serviu para falar do futuro das rapazas de etnia xitana e logo fomos alternando o diálogo co visionado do vídeo do programa de Slavados sobre a violencia de xénero nos centros de ensino.

http://www.lasexta.com/programas/salvados/avances/analisis-educadora-cualquier-relacion-adolescentes-tiene-conductas-violencia-genero_2016020400387.html

Resultou unha sesión moi consturtiva e gratificante pero é mellor que a escoitedes:



A sesión rematou co préstamo dunha noveliña de moda (que non fala de igualdade) a unha das participantes:






martes, 2 de febrero de 2016

Exposición de poemas e obras amorosas no Día da Candeloria.

Xa sabedes aquilo de que pola Candeloria casan oa paxariños e que vai medio inverno fóra  pois por aquilo de galeguizar o Día dos namorados tan americanizado e explotado polo consumismo, nós queremos celebrar o amor neste día tan galego.
A nosa exposición podedes vela na entrada da biblioteca:








E un lindo poema de amor de Sophia de Mello Andersen:

“Para atravessar contigo o deserto do Mundo”


Para atravessar contigo o deserto do mundo 

Para enfrentarmos juntos o terror da morte

Para ver a verdade para perder o medo 

Ao lado dos teus passos caminhei 


Por ti deixei meu reino meu segredo 

Minha rápida noite meu silêncio 

Minha pérola redonda e seu oriente 

Meu espelho minha vida minha imagem 


E abandonei os jardins do paraíso 

Cá fora à luz sem véu do dia duro 

Sem os espelhos vi que estava nua

E ao descampado se chamava tempo 


Por isso com teus gestos me vestiste 

E aprendi a viver em pleno vento. 


Sophia de Mello Breyner Andresen

domingo, 31 de enero de 2016

"Todas as lecturas que fago afectan á miña escrita". Presentamos "NENAESPIRAES" de Tamara Andrés Padín.



O pasado venres tivemos o pracer de conversar e acompañar á nosa ex-alumna Tamara Andrés Padín que presentaba o seu segundo libro, o poemario "Nenaespiraes" co que gañou o premio de poesía O Facho.

Foi unha noite máxica e entrañable xa que as tres profesoras que a acompañabamos fomos tamén as súas coordinadoras nos clubs de lectura de narrativa en galego e de banda deseñada, ademais alí estaban tamén Nerea e Marta antigas participantes tamén nos clubs ( xa van alá cinco ou seis anos).


Destacamos da súa intervención pequenos fragmentos xa que vos recomendamos a todos e todas que leades no futuro o seu libro:

Sobre a visualidade da poesía: " Gústame que o lector que se achege á miña poesía, que a vexa, que lle suxira imaxes".

Sobre a súa linguaxe: " A linguaxe que eu falo está condicionada polas miñas experiencias"

Sobre as súas fontes: " O que me gusta, absórboo e quero transmitilo á hora de escribir. Todas as lecturas que fago afectan á miña escrita e á miña personalidade en xeral".

Sobre "Nenaespiraes": Nena é a historia dunha muller que quere volver á infancia (ao inicio da espiral), a vida da muller vaise contaminando en canto que madura, é menos pura e quere retornar ao inicio"

Queremos felicitar a Tamara pola calidade da súa obra e desexarlle o mellor neste camiño da creación literaria.