Mostrando entradas con la etiqueta Rosa Aneiros. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Rosa Aneiros. Mostrar todas las entradas

lunes, 1 de septiembre de 2014

ÁMOTE LEO A., para comezar o novo curso co bo sabor das viaxes.

A escritora Rosa Aneiros sempre consigue namorarnos coa súa escrita; nesta ocasión e da man de Leo, a protagonista da triloxía: Ámote Leo A., lévanos polo mundo adiante durante seis meses, de Galicia ao norte de África, ao sabor de oriente en Istambul, Praga, París e o continente americano, Bos Aires, Cuzco...

Unha novela itinerante,  unha novela de aprendizaxe e formación de personaxes, Leo vai polo mundo de mochila ao lombo e cun escaso presuposto á procura dun soño, viaxar coma antes fixera o seu heroe literario: Marco Polo.

As obras teñen unha referencia literarias moi sólidas, desde As cidades invisibles de Italo Calvino  ás breves e múltiples recensións sobre obras e autores relacionados cos lugares por onde a protagonista vai pasando.

As novas tecnoloxías como fondo: Os novos medios de comunicación, de busca de información, de centrar de reservas e billetes... as novas formas de viaxar da xente nova que busca novos mundos e novas experiencias, o coñecemento doutras culturas, doutras xentes e doutros xeitos de interpretar a vida.

En xeral unha novela dinámica, fresca, cunha linguaxe clara e moi coidada no mellor estilo desta autora. Unha obra ideal para iniciar as lecturas deste curso que hoxe comeza cun doce sabor a liberdade, a liberdade que os soños e as viaxes nos proporcionan.



jueves, 28 de enero de 2010

"As novelas son coma árbores, un tronco inicial e moitas ponlas" ROSA ANEIROS

No día de onte visitounos a escritora ferrolá ROSA ANEIROS, dialogou con nós e contounos moitos detalles sobre como crea as súas historias: "Aprendín do meu padriño" di Rosa, "O máis bonito de literatura é o momento en que alguén me conta o que lle gustou ou non lle gustou do meu libro.". Deu recomendacións aos alumn@s como "É importante aprender a escoitar e aprenderás a escribir" ou "Non é importante o que contas senón como o contas". Sobre o proceso de creación de Resistencia dixo: " Todas as historias naceron dun xeito distinto: "Resistencia naceu cando estaba de vacacións en Portugal e visitei o museo de Peniche", " Tiven que documentarme sobre a historia portuguesa" ou "Unha novela non remata nunca cando os autores poñen o punto final, existen milleiros de finais para esta novela". Sol de Inverno " nace da necesidade de contar Cuba pola memoria do meu padriño, a cidade que viran os exiliados e emigrantes cando chegaron alá" Ás de bolboreta "nace por contraposición a Sol de Inverno, unha mañá nunha cafetería e os cruces de historias nesa mañá; quería contar que o alleo non sempre é malo, a dor e a alegría dos personaxes. Son historias do xornal e do telexornal de todos os días". Para a autora o máis bonito da creación é o 1º momento cando unha idea a sobrecolle e o momento de compatir as obras cos lectores; para nós os lectores foi un pracer compartir persoalmente con ela as súas obras: Grazas, Rosa.

domingo, 17 de enero de 2010

ROSA ANEIROS visitará o IES de POIO

O vindeiro mércores, 27 de xaneiro recibiremos no noso centro á escritora Rosa Aneiros:
Rosa Aneiros Díaz (1976) naceu no concello de Valdoviño. Xornalista de profesión, colabora de forma habitual en distintos medios de comunicación impresos e electrónicos, entre eles, culturagalega.org e a Axencia Galega de Noticias.
É autora da novela xuvenil “Eu de maior quero ser” (1999) e do libro de relatos “Corazóns amolecidos en salitre” (2002). Tamén publicou relatos en diversos volumes colectivos: “Narradoras” (Xerais, 2000); “Mini.relatos” (1999), “De soños e memorias” (2003), “Seis narradores ferroláns” (2003), “Narradio. 56 historias no ar” (Xerais, 2003) ou “Sempre mar. cultura contra a burla negra” (2003).
No seu haber conta con recoñecementos como o premio Manuel Lueiro Rey (1996); o Modesto Rodríguez Figueiredo (Pedrón de Ouro, 1998); o Manuel Murguía (2001) ou o Carvalho Calero (2001).
A súa novela “Resistencia” (Xerais, 2002), foi reeditada xa en tres ocasións, ademais de recibir o Premio Arcebispo Xoán de San Clemente en 2003 e ser traducida ao portugués pola editorial Dom Quixote. A súa novela “Veu visitarme o mar” (Xerais 2004) pasou desapercibida malia tratar o tema do Prestige.
Actualmente vén de recibir o Premio Xerais de novela 2009 pola súa obra SOL DE INVERNO, na miña opinión a obra máis madura temática, estética e estilisticamente de Rosa, que nos traslada á época da posguerra, dos campos de refuxiados en Francia e do exilo en CUBA da man de Inverno, a súa sensible e comprometida protagonista.
Tamén acada o premio de narrativa xuvenil de Caixa Galicia pola novela Ás de bolboreta, un fermoso panorama de personaxes que teñen en común estar relacionados cun bar, unha galería que nos achega aos problemas da emigración, da soidade da vellez, da maternidade e a cooperación pacifista, do terrorismo islamista, etc.
Benvida ao IES de POIO, de certo que os nosos alumnos disfrutarán coas túas palabras.