Mostrando entradas con la etiqueta BIBES. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta BIBES. Mostrar todas las entradas

domingo, 28 de octubre de 2012

Xornadas LENDO NA CASA (Tui, 2012)

O pasado xoves tivemos o gusto de asistir á xornada do programa Lendo na casa que ten como finalidade a promoción da lectura en familia e que estivo organizado pola biblioteca municipal e as bibliotecas escolares de Tui.
Na mesa redonda que presenciamos falaron Conchi Regueiro (escritora de literatura infantil e xuvenil), Concha Costas (coordinadora do programa de lectura "Gondomar lendo para medrar. Espazo lectura") e Pilar Sampedro (asesora das bibliotecas escolares da Xunta de Galicia).
As tres relatoras coincidiron na grande importancia que ten a colaboración e a participación das familias nos programas de lectura;  Conchi Reguerio afirmaba que foi a súa nai quen a introduciu no mundo da lectura, comezou "lendo na casa".


Concha Costas presentou o programa de actividades da súa asociación que naceu dun grupo de pais e nais no ano 2006 (nas súas prácticas lectoras os pais e as nais son mediadores, axentes e facilitadores das lecturas cos seus fillos e fillas).
Pilar Sampedro falounos do programa de fomento da lectura en familia que se coordina desde a asesoría de bibliotecas escolares e das prácticas que estas desenvolven no seu día a día; " A casa é a célula cultural arredor da lectura (...) as bibliotecas escolares son un espazo aberto á toda a comunidade educativa". A hora de ler, a hora do conto, as maletas para as familias,  as mochilas viaxeiras son actividades lectoras que implican directamente ás familias. " Se ti les, eles len".


Os nosos parabéns aos organizadores.

viernes, 9 de septiembre de 2011

En homenaxe a Mª Dolores, reponsable da biblioteca do IES Luís Seoane.

Querida Mª Dolores: 
Sentíndoo moito, non nos coñecemos en persoa, para min es "mdamt": cruzamos correos virtuais, compartimos tarefas, pero aínda traballando na mesma bisbarra nunca nos coñecemos... hoxe síntoo... estou certa de que tiñamos moito en común (coma tantos de nós que estamos neste mundo das bibliotecas) o amor aos libros, aos alumnos, ao traballo, ao ensino... Desde este pequeno recuncho dos blogs de animación á lectura, queremos despedirnos facéndoche unha pequena e humilde homenaxe: Seguro que onde vaias levarás un libro, tal vez un poema debaixo do brazo; que eles te acompañen, que te arroupen as palabras, os libros, as bibliotecas escolares e todos nós que te botaremos a faltar na próxima campaña de lectura.

Sirvan as palabras de Avilés de Taramancos que enchen de luminosidade as despedidas:

É hora da luz! É hora da luz! É necesario.
Hora de prender cirios, velas, palmatorias, é hora
de acender os vasos de aceite e a súa bolboreta
de incienso, de prender as candeas, os candeeiros,
os candelabros, as achas de resina. 
Prender os fachos!
Prender as casas, as lareiras, os candiles de gas.
Prender as luces! As buxías, os faros, os farois,
as lámpadas prendei::
É necesaria luz nesta derrota!
Prendei os astros:
As estrelas acesas, esplendente de luz
a cauda do cometa,
e parpadexan as constelacións, cruzan os raios.
Traede luz, traede luz: o mundo
está ecendido en labaradas, un lumeiro
arrebenta no corazónda terra. É tan fermoso
ver así o universo surprendido
na súa propia luz
que até a ferida
se cobre de faíscas rutilantes.

Avilés de Taramancos. Última fuxida a Harar, 1992.

martes, 17 de mayo de 2011

SALVANDO LIBROS DA LITERATURA GALEGA: LETRAS GALEGAS (IV)

Sobran as palabras ante este magnífico traballo colaborativo das BIBES GALEGAS, polo de COLABORATIVO e polo SALVAMENTO da LITERATURA GALEGA; que mellor iniciativa para celebrar estas Nosas Letras (que van camiño de LETRIÑAS, cada vez máis esquecidas e perdidas no tempo, non por iso menos queridas), que rescatar os nosos LIBROS, as palabras dos escritores de onte e de hoxe, os versos do noso poeta máis maldito, máis punk, máis underground: LOIS PEREIRO





ENCAIXES DE INERCIA

O día que o meu sangue teña forza
pra murchar e arincar a edra do amor
virá con paso firme
a inercia do costume
a tecerme en desastres noutro estilo
con fíos de emoción e agullas torpes
curando a nova insania
co antídoto da lóxica
deixando novas redes no meu sexo
pra manter a edra viva
- o seu veleño-
na idea que destrúe no ennui que crea.

e como diría o noso centenario CUNQUEIRO:

MIL PRIMAVERAS MÁIS.