viernes, 23 de septiembre de 2011

MANERAS DE LEER: Encontro de boas prácticas lectoras.

Os pasados 20 e 21 do presente mes, puidemos participar en Madrid no encontro de boas prácticas lectoras organizado polo Ministerio de Educación e o Ministerio de Cultura,  "Maneras de leer"; alí nos reunimos os participantes do noso proxecto ARCE, En el país de Alicia, do IES José Zerpa de Gran Canaria e do IES Juán Carlos I de Murcia, tamén nos encontramos con membros das Bibliotecas Escolares Galegas: do CEIP Progreso de Catoira, do Ceip A Lama (gañadores do selo de boas prácticas de Leer.es: http://www.orecantodeleo.org/ ) e do IES de Porriño, e como non coas nosas asesoras Cristina Novoa e Pilar Sampedro, unha marabillosa compañía.

En palabras de Rogelio Blanco que inaugurou o congreso:  "Toda democracia está obrigada a defender a cultura, unha sociedade lectora é máis libre e máis democrática, lemos por que ler é a marabillosa condena do ser humano", sentencias nas que deberiamos reflexionar nestes tempos de crise.

A seguir, puidemos escoller entre un importante abano de experiencias lectoras ou relacionadas coa lectura; Querería destacar o proxecto Mandarache de xoves lectores de Cartagena (un proxecto local de formación de lectores que busca crear unha comunidade de lectores voluntarios. prestixiar a lectura como práctica cultural):  http://www.premiomandarache.es/.

Destacamos a ponencia de Cristina Novoa que presentou o traballo "Ler en Mancomún", o proxecto de clubs de lectura das Bibliotecas Escolares de Galicia coordinado pola propia Cristina Novoa e Pilar Sampedro.   Cristina realizou unha precisa, impecable e completa exposición deste proxecto colaborativo que deixou impresionados a todos os oíntes (eles mesmos o comentaban) e moi orgullosos aos coordinadores galegos que a escoitamos: http://lerenmancomun.blogspot.com/.

Impresionados pola interpretación rapera de textos musicados de Espronceda, Arcipreste de Hita e Calderón de la Barca realizada polo grupo de xoves Los Rapsodas, descansamos ata a seguinte sesión.

Asistimos á exposición do proxecto Astroatocha  (Colexio Salesianos) premiado co selo de Leer.es, que nos levou de percorrido astronómico-mitolóxico-artístico da man das audio guías elaboradas polos seus alumnos:http://astroatocha.wikispaces.com/.

 O mércores escoitamos unha interesante ponencia de Óscar López ( programa divulgativo sobre lecturas: Página dos da TVE2 http://www.rtve.es/television/pagina2/) e Ignacio Elguero (programa divulgativo sobre lecturas en RNE, La estación azul : http://www.rtve.es/podcast/radio-nacional/la-estacion-azul/): faláronnos de cultura e medios de comunicación, da rendabilidade dos programas culturais para as canles de televisión, do perfil dos seus seguidores e dos contenidos e estrutura dos seus respectivos programas. Destaco as súas palabras: Hai que mostrar a paixón polos libros e pola televisión (Óscar López),  Nos medios públicos hai que loitar polo que queremos, Quen le, vive máis. (Ignacio Elguero).

Xa iniciando o remate quero facer referencia ao traballo sobre revista dixital presentado por Lourdes Domenech de Girona "La Puça", un traballo perfectamente organizado   e unha pormerorizada exposición sobre o proceso de elaboración en aula dunha revista escolar en formato dixital: http://revistaserrallarga.blogspot.com/.

Despedímonos coa compaña duns libros vivintes que no noso caso nos interpretaron un fragmento de Rayuela de Cortazar ao que os galegos correspondemos cos "Adios ríos, adios fontes" de Rosalía:


"Tamén se falou galego en Madrid"



martes, 13 de septiembre de 2011

AS BIBLIOTECAS GALEGAS DESPIDEN A Mª DOLORES

Comezamos o curso con tristeza.
Temos que despedir á compañeira Mª Dolores Martínez Tobío, docente no IES Luis Seoane de Pontevedra e responsable da biblioteca escolar do centro. Hai só uns meses que Mª Dolores nos puxo a Salvar Libros por centros de toda Galicia. Salvar os libros que valen a pena, as linguas nas que se escriben eses libros, as bibliotecas nas que se gardan... a memoria dunha mestra que día a día traballou a favor da cultura e a educación.
Este é un documento colaborativo como tantos outros nos que Mª Dolores adoitaba participar co seu habitual entusiasmo. Desgraciadamente convocounos hoxe a súa despedida e pensamos nesta pequena homenaxe que xorde da mesma rede que ela axudou a tecer. Canto tempo e ilusión dedicados a Biblioiris, a súa bitácora vinculada á biblioteca escolar do instituto!  Por iso os nosos blogs lamentan hoxe a súa ausencia. Por iso esta entrada será publicada por moitos outros centros, ademais dos que aquí figuran. Esperamos que este documento saiba representar tamén a tantas persoas que, desde a rede PLAMBE das bibliotecas escolares galegas, desexan expresar o seu pesar e as súas condolencias á familia e amigos da nosa compañeira. Son tantos os centros que a súa relación excede as dimensións deste documento.
Grazas Mª Dolores polas palabras, polas reflexións, polas propostas, polo tempo, polo que fixemos xuntos e que permitirá seguir camiñando pola ruta das bibliotecas escolares.
Cristina Novoa
Pilar Sampedro
Asesoría Bibliotecas Escolares
posanollocurtiscambre 
jdoloresj
 teisolgamuxiavictorsaenztaragonacatoiraquintelatrafgegandoImaxe das ligazóns: Rapaza lendo. Gustav Adolf Hennig   

NOVAS PROPOSTAS PARA UN NOVO CURSO

Creado por Pep Hernández, paréceme unha proposta excelente para o comezo do novo curso lector:Presentación del curso
View more presentations from Pep Hernández

viernes, 9 de septiembre de 2011

En homenaxe a Mª Dolores, reponsable da biblioteca do IES Luís Seoane.

Querida Mª Dolores: 
Sentíndoo moito, non nos coñecemos en persoa, para min es "mdamt": cruzamos correos virtuais, compartimos tarefas, pero aínda traballando na mesma bisbarra nunca nos coñecemos... hoxe síntoo... estou certa de que tiñamos moito en común (coma tantos de nós que estamos neste mundo das bibliotecas) o amor aos libros, aos alumnos, ao traballo, ao ensino... Desde este pequeno recuncho dos blogs de animación á lectura, queremos despedirnos facéndoche unha pequena e humilde homenaxe: Seguro que onde vaias levarás un libro, tal vez un poema debaixo do brazo; que eles te acompañen, que te arroupen as palabras, os libros, as bibliotecas escolares e todos nós que te botaremos a faltar na próxima campaña de lectura.

Sirvan as palabras de Avilés de Taramancos que enchen de luminosidade as despedidas:

É hora da luz! É hora da luz! É necesario.
Hora de prender cirios, velas, palmatorias, é hora
de acender os vasos de aceite e a súa bolboreta
de incienso, de prender as candeas, os candeeiros,
os candelabros, as achas de resina. 
Prender os fachos!
Prender as casas, as lareiras, os candiles de gas.
Prender as luces! As buxías, os faros, os farois,
as lámpadas prendei::
É necesaria luz nesta derrota!
Prendei os astros:
As estrelas acesas, esplendente de luz
a cauda do cometa,
e parpadexan as constelacións, cruzan os raios.
Traede luz, traede luz: o mundo
está ecendido en labaradas, un lumeiro
arrebenta no corazónda terra. É tan fermoso
ver así o universo surprendido
na súa propia luz
que até a ferida
se cobre de faíscas rutilantes.

Avilés de Taramancos. Última fuxida a Harar, 1992.