domingo, 12 de junio de 2011

QUERIDO BALBINO (1961-2011 50 anos de MEMORIAS DUN NENO LABREGO)

Nestes tempos anda a percorrer as bibliotecas da Galiza, unha exposición organizada pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galiza que se titula "QUERIDO BALBINO"  e que quere celebrar os 50 anos da publicación de MEMORIAS DUN NENO LABREGO.
Do libriño co cal nos agasallaron ao visitar a exposición, e da CARTA A BALBINO, entresacamos estas fermosas palabras escritas polo autor, NEIRA VILAS ao seu Balbino cincuenta anos despois:

"Eramos da mesma idade. Con vinte anos eu marchei para América e ti ficaches na aldea, en calquera aldea das tantas aldeas galegas. Tamén ti eras un de tantos balbinos, pois daquela había moitos (non de nome pero si de condición). Nunca te esquecín, porque sería coma esquecerme do meu propio berce, do meu eido orixinario, de min mesmo, que en definitiva son ou fun, coma quen di, un Balbino máis. Un ninguén. (...) En medio século o mundo cambiou moito. E tamén cambiou o pequeno mundo meu e teu, sucedéronse as xeracións, hai outras modas e tamén outros modos, outras cancións, outras palabras que se foron mesturando coa nosa fala, outros medios para saber o que acontece no mundo de lonxe, tan revolto coma sempre. Pero o esencial está como estaba. Permanece. Por iso os Balbinos de hoxe, inda que en xeral teñen mellor mantenza e mellor escola, visten mellor, non tripan lama, e os máis deles andan en coche, seguen lendo as túas "memorias", e cando se lles vai algo, falan co pai ou co avó e deseguida volven ao rego.

E nada máis por hoxe, compañeiro, amigo dende a infancia e para sempre, rapaz auténtico da Galicia eterna e auténtica. Xuntos estamos de por vida.

Unha aperta e un aturuxo do teu veciño, teu amigo, teu pai e teu biógrafo-fabulador. "
Xosé Neira Vilas
Gres, marzo de 2011.


No hay comentarios: