domingo, 15 de mayo de 2016

MANUEL MARÍA: Cambio chapa por versos.

Co gallo da celebración do DÍA DAS LETRAS GALEGAS adicado ao poeta MANUEL MARÍA  a nosa biblioteca en colaboración co Equipo de Dinamización Lingüística do noso IES vai desenvolver unha serie de accións para visualizar a figura do noso escritor chairego.

Unha delas foi o deseño dunha chapa coa imaxe de Manuel María e a lenda " Precisamos a lingua se queremos vencer".

A biblioteca cambiará estas chapas aos seus usuarios por versos do autor e agasallaraos ademais cun marcalibros conmemorativo das Letras e do ano Manuel María.





domingo, 8 de mayo de 2016

PREMIOS LITERARIOS XAIME ILLA.

Veñen de ser fallados os premios do concurso literario XAIME ILLA, entre os seleccionados temos varios alumnos e alumnas, ex-alumnos e ex-alumnas, parabéns para todos eles e elas.
Nalgún dos casos temos unha gañadora recén chegada a Galicia de alén dos mares  que non se amedretou e presentou un relato en galego... Será cousa da lúa... Bravo por ela!.
Esperamos poder reunilos en breve na nosa biblioteca para que nos lean os seus relatos e poemas.
De novo parabéns.

http://www.farodevigo.es/portada-pontevedra/2016/05/08/fallados-premios-do-concurso-literario/1456995.html


Relación de gañadores ecomunicado da Concelleira de Cultura, Lidia Salgueiro:
Grupo C: de 12 a 13 anos*.
Poesía C­4 Adrián Besada Padín
Relato C­5 Sara Albar Ameneiros
Grupo D: de 14 a 15 anos.*
Poesía D­1 Gonzalo Sanmartín Barragáns
Relato D­1 Gonzalo Sanmartín Barragáns
Grupo E : de 16 a 18 anos.*
Poesía E­1 Carmen Ansín Vallejo
Relato E­3 Nicol Alexandra Chan Granado
Grupo F: de 18 anos* en diante.
Poesía F­6 Rocío Leira Castro
Relato F­5 Santiago José Cruz Muñoz
Os membros do Consello Municipal, que valoraron un total de 72 traballos, e a súa presidenta, a Concelleira de Cultura, Lidia Salgueiro Piñeiro, trasladáronlle os seus parabéns a cada undeles/delas, e o agradecemento a todos os/as participantes que se presentaron ao concurso, así como a imprescindible colaboración do profesorado dos centros participantes nesta iniciativa.
Os premios entregaranse o vindeiro 17 de maio nun acto que se celebrará no Centro Cultural Xaime Illa Couto, co gallo da celebración do DÍA DAS LETRAS GALEGAS, a partir das 17:30h. Quedades convidades!!!

DE BIBLIOTECAS, MARXINALIDADE E INCLUSIÓN SOCIAL.


Veño de ler o artigo "EL MAYOR PROBLEMA DE LA EDUCACIÓN EN ESPAÑA: LA INCLUSIÓN SOCIAL" que José Manuel Pérez Tornero publica no seu blog Pensamiento crítico/Comunicación / Educación e comparto en gran medida as afirmacións que nos achega no mesmo, coma:

O problema máis importante da Educación en España é A INCLUSIÓN SOCIAL.

O 100% dos menores de 16 anos están escolarizados ( aída podería citar varios casos de adolescentes non escolarizados) pero hai un importante porcentaxe de absentismo e moitos deles non titulan na Secundaria Obrigatoria.

O contexto socioeconómico das familias é un factor importante a ter en conta na eficacia do noso sistema educativo.

A partir deste punto desenvolve que a pobreza económica é o principal factor que repercute na pobreza educativa pero desde o meu punto de vista hai factores como "A MARXINALIDADE SOCIAL" que marcan  a moitos dos rapaces e rapazas do noso país, da que se fala pero para a que non se buscan solucións.

Os que nos nosos centros temos alumnado con este perfil buscamos como atemperar as consecuencias desta marxinalidade, como sortear as xustificacións ao absentismo e ás actuacións contrarias á convivencia, por parte das familias, e os resultados son mínimos comezando polo fracaso ás nosas  solicitudes de recursos humanos e materiais para combater esta eiva na nosa escola.

A biblioteca pode e debe ser un espazo que nos axude a compensar desigualdades, sociais neste caso máis que económicas. Os nosos alumnos e alumnas non posúen nos seus fogares bibliotecas familiares, non posúen ordenadores con conexión á internet (aínda que si posúan móbiles de última xeración), non len porque na súa casa non len e porque as súas competencias en lecto-escritura son deficientes (a pesar de estar escolarizados desde 1º de Primaria).

É labor pois da nosa bibioteca intentar mudar hábitos, conquistalos para que accedan ao espazo desta e que se sintan acollidos no mesmo, xa que doutro xeito non entrarían.

No noso catálogo debemos ter libros, filmes e música adaptados ás súas necesidades e gustos. 

Debemos deseñar pequenos proxectos dirixidos a eles, onde se combinen prácticas modeladas tendo en conta o seu perfil, reunilos, lerlles poemas, falar con eles, escoitalos (que aínda que nos sorprenda teñen moito que dicir e precisan da nosa atención e non das nosas sancións).

A biblioteca pode abrirlos a un mundo máis ordenado, onde atopen unha serenidade que non teñen no seu habitat familiar, un mundo sen berros, onde o silencio traia a calma e as súas palmas e os seus cantos permitan que se comuniquen con nós.

E tal vez poida pasar isto, da marxinalidade ao ceo da pintura:

A pintora Lita Cabellut

jueves, 5 de mayo de 2016

Marcapáxinas para o Día das Letras.

Este é o noso agasallo para todos e todas os que nos visiten neste mes de maio das LETRAS GALEGAS:


lunes, 2 de mayo de 2016

Nómades. Obradoiro de Banda Deseñada


Nun mes cargado de actividades relacionadas coas nosas letras visitou o noso instituto un ano máis o ilustrador e debuxante Xosé Tomás. 
Nesta ocasión a idea era aprender as ferramentas básicas para levar unha historia ao papel da Banda Deseñada, tomando como fío condutor a obra de Nómades.
O alumnado de 3º ESO leu a obra e a partir dunhas preguntas como punto de partida  foron analizando a obra tanto dende a perspectiva narrativa coma formal.


Coma en anos anteriores deixounos a súa pegada no recordatorio e nos seus debuxos.

domingo, 1 de mayo de 2016

A ROTURA DAS PAISAXES, teaser de MARIO IGLESIAS

Da conxunción dos astros e da unión das artes, da literatura e da poesía coa imaxe e o son, xorde este teaser ( imaxes e son que relacionan o vídeo e o texto) do noso compañeiro e profesor, director de filmes, Mario Iglesias e do texto poético de Xesús Constela no seu novo libro A ROTURA DAS PAISAXES, unha marabilla marabillosa:


Presentación de A ROTURA DAS PAISAXES novo libro de XESÚS CONSTELA.


O pasado 28 de abril asistimos á presentación do novo libro do noso compañeiro e colaborador da biblioteca XESÚS CONSTELA, A ROTURA DAS PAISAXES, no museo de Pontevedra. Resultou un acto moi emotivo pois o escritor estivo arroupado por un numeroso grupo de compañeiros e alumnos do IES de Poio. O noso escritor atopábase moi contento da presentación desta nova obra súa.

Compartimos a recensión que do acto fixo MANUEL BRAGADO no seu blog BRÉTEMAS agradecéndolle que nos permitira esta re-publicación coa fin de que chegue a todos os alumnos e alumnas de Xesús Constela a través do blog da biblioteca.

"Máis dun cento de persoas participaron onte no Museo de Pontevedra na presentación d´A rotura das paisaxes de Xesús Constela. Un acto organizado polo Atneo de Pontevedra que resultou fermoso, divertido, emocionante nalgúns momentos, onde o autor conversou co xornalista e crítico Ramón Rozas e recitou parte do poemario “Cidade castigada” (incluído na novela). Un serán literario no que puidemos gozar da estrea dun teaser conmovedor sobre a obra preparado polo cineasta Mario Iglesias e locutado por Ruth Sabucedo.



Comezou a conversa Ramón Rozas cualificando A rotura das paisaxes como “novela importante, que consolida unha obra singular coa que autor dá un salto cualitativo na maneira de escribir e como facelo. Un salto que se iniciara a partir de 15.724, asumindo dende entón Constela un risco, concibindo a actividade literaria como carácter de aventura, que fideliza ao lector por crear un mundo tan singular e inesperado”. Rozas definiu a novela como “relato poliédrico de moitas narracións que se van enfiando a través da conversa de dous personaxes que camiñan nunha praia”. Na primeira das súas intervencións, Constela confesou que se dedicaba á literatura “por que son feliz escribindo”, porén, recoñeceu que “a publicación deste libro dáme un pouco de medo, é arriscado, non é narrativa ao uso”. “A rotura das paisaxes é unha homenaxe a Rayuela de Cortázar, razón pola que o libro ten dúas formas de lectura, como un libro de relatos ou como unha novela que contén un relato principal no que os contos forman parte da trama”.

(...)

Rozas preguntou sobre as preocupacións do Constela narrador. O autor non dubidou en confesar que “sacar da cabeza as cousas que teño dentro, canalizalas na escrita de xeito que ao lector lle guste”. “Na literatura busco poder seguir facendo os experimentos que fago e poder transmitir as cousas que teño na cabeza de xeito que a xente as entenda.” A seguir, Rozas salientou a intención de Constela de “atopar tanto unha voz singular como que o lector sinta as cousas sen necesidade de dicirlle nada”. A ese respecto, Constela dixo que intentara en todo o libro eliminar ao narrador, “quería que o lector soubese o que pasaba a partir dos propios personaxes, o narrador funciona aquí como un espectador, o que sei que é difícil de conseguir”. Con respecto a outra cuestión afirmou que “o mellor que lle pode pasar a un artista, sexa un pintor ou un escrtior, é te runha voz propia, é o meu gran reto persoal, ter esa voz”.

Ramón Rozas preguntou, entón, sobre como conseguir que o lector olle a realidade doutra maneira. Constela confesou que sempre intentara “ver a realidade dun xeito distinto; gústame observar a realidade que me circunda, todo”. Seguiu a conversa sobre a devoción común sobre Julio Cortázar, tanto pola sensación de misterio dos relatos como polo xeito de afrontar a lectura da novela. A este teor, Constela recoñeceu que lle encantaba pasear pola praia cos cans, “no inverno en Lourido, Areas ou A Lanzada atopas de todo”. “O máis difícil que Cortázar conseguiu foi tecer un fío co lector sobre algo que poida parecer absurdo, pero absolutamente verosímil e coherente no relato. ë moi díficl de conseguilo. Eu inténtoo tamén. Lévame moito tempo corrixir e corrixir para conseguir esa capacidade de conectar co lector”.

(...)