Mostrando entradas con la etiqueta visitas bibliotequeiras. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta visitas bibliotequeiras. Mostrar todas las entradas

sábado, 20 de octubre de 2012

VISITAS BIBLIOTEQUEIRAS: A BIBLIOTECA DO CEIP A LAMA.

Continuando coas nosas xornadas de aprendizaxe "in situ", coas nosas visitas bibliotequeiras, hoxe fomos amablemente recibidos no CEIP A Lama por cinco membros do equipo da biblioteca: Marta Couso, Mª Teresa Rivas, Tania Rivas, Cristina Campos, Rafael Sánchez-Agustino e pooorrrrrr LEO a súa mascota.
Na mesma porta da escola ademais dos membros do equipo, Leo dábanos a benvida e convidávanos a entrar no mundo da lectura e da ilusión.
Seguindo os pasiños de queixo no chan (como Pulgariño as migallas de pan) entramos nun mundo de fantasía, a súa biblioteca... talmente todos os visitantes desexamos ser nenos e asistir a aquela escola, gozar daquela biblioteca; as imaxes, os sinaladores, a audioteca, o lugar de troco, as lecturas, todo nos invitava a mergullarnos no mundo de Leo e Lulula, escoller un libro e sentar a ler.
Os espazos lectores,  o Kamisibai, a luz e as cores xiraban ao noso redor e imaxinamos o lugar cheo de rapaciños, de risos, de música, de ledicia e de vida... quixemos compartir os momentos con eles e os seus mestres. 
Sentados naquelas cadeiriñas o tempo voou, falamos, preguntamos, escoitamos as explicacións que se nos facilitaron e só a hora do xantar nos forzou a abandonar este mundo de Lulula e de Leo.
As imaxes darán fe da visita:

VISITAS BIBLIOTEQUEIRAS: CEIP A LAMA on PhotoPeach

O noso agradecemento aos amables anfitrións.

domingo, 16 de septiembre de 2012

VISITAS BIBLIOTEQUEIRAS: INAUGURAMOS O NOVO CURSO ESCOLAR

No día de onte realizamos a nosa primeira visita bibliotequeira deste curso a tres bibliotecas municipais de A Coruña; a visita, organizada por Mª Dolores Tobío do IES Sanxenxo, resultou moi educativa e enriquecedora. O primeiro que do que nos informaron é que as tres bibliotecas, a biblioteca do Castrillón, Ágora e a biblioteca dos Rosales están integradas na Rede de Bibliotecas de A Coruña e funcionan como Centros Cívicos, en palabras de Belén Solleiro da biblioteca do Castrillón son un lugar de encontro no barrio, son o corazón do barrio, polo que se encontran moi integradas na súa contorna social, traballan por e para os veciños da súa zona de influencia (así as fotos das súas xentes decoran as estanterías e as paredes dos seus locais).

Iniciamos a nosa andaina na Biblioteca do Castrillón onde realizamos a visita acompañados de Belén Solleiro que nos contou que o seu ámbito de influencia dá servicio a 19.000 habitantes (case coma unha vila), teñen 8.000 socios, fan 57.000 préstamos e organizan 175 actividades. Belén coa súa amabilidade guiounos o percorrido e informounos da organización espacial do centro ( a bebeteca co seu poblado castrexo deseño do arquitecto Fabio Valio), a distribución dos fondos, en secciones e centros de interés, a organización dos mesmos en CDU e temas; admiramos algunha das súas actividades coma o taller de Mandala, a sección de A torre de Babel que dá servicio aos usuarios inmigrantes, os apartados de obras recomendadas (estratexicamente localizados), etc.

A biblioteca Ágora  impresiona pola grandeza e beleza do seu edificio, integrada no centro cívico-cultural do mesmo nome ocupa 1.700 m cadrados e dá servicio a unha poboación moi heteroxénea, de nivel medio-alto, inmigrantes e marxinais. Alí nos recibiu a directora Carme Ameixeiras, unha guía inigualable para recoller un fermosísimo espazo onde a luz, a amplitude, o cristal, o seu mobiliario de deseño acompañáronnos durante toda a visita. A organización dos fondos e os centros de interés son moi similares aos da biblioteca de Castrillón, sinalamos en Ágora a existencia de aulas, a sala de carritos para bebés, os servicios de repografía, a utilización dos códigos QR e os sistemas máis actualizados de rexistro e préstamo.
En ambas bibliotecas destacamos as sección adicadas a facilitar medios de busca de emprego aos usuarios.
Na biblioteca dos Rosales fomos recibidos por Anabel, Verónica, Lorena y Merce que nos mostraron a distribución dos espazos na súa biblioteca dos que destacamos a bebeteca, a sección de audiovisuais e as súas actividades como o panel " eu amo as bibliotecas públicas", o buzón de cartas de amor ás bibliotecas ou a sección de viaxes.
Visitas bibliotequeiras 2 on PhotoPeach



En resume unha visita moi instructiva e moi agradable polo clima creado polas nosas guías ás que diriximos todas as nosas preguntas que elas responderon con paciencia e moi amablemente; só nos queda agradecerlles desde aquí a súa compañía e a súa atención, todas elas son grandes profesionais que se ve que adoran, coma nós, as súas bibliotecas. Graciñas a todas.

jueves, 5 de abril de 2012

VISITAS BIBLIOTEQUEIRAS

E como estamos de vacacións, fomos de turismo, de turismo bibliotequeiro achegándonos ás bibliotecas municipais de Portugal: visitamos a biblioteca de Viana do Castelo e a de Vila Nova da Cerveira; gozamos do contraste pois os edificios que as albergan son ben diferentes, da modernidade de Viana ao pazo histórico da de Vila Nova.
Como xa puideramos comprobar noutras visitas como a que fixeramos anteriormente á de Valença de Miño as instalacións destas bibliotecas son un exemplo a seguir, amplitude, luz, orde, importante oferta de servizos...
Os sabores desta visita leváronnos dos grandes espazos moi iluminados con fermosas vístas do exterior á familiaridade dos ocos pequenos rodeados de pedra e saída aos xardíns desde donde nos asexaba un simpático espantallo.
Gustamos moito dos dous estilos, en especial a bebéteca da de Viana e os seus cómodos e divertidos pufs;  observamos a organización dos fondos, a distribución destes, a sinalización, o mobiliario mais sen dúbida sorprendeunos a distribución dos lugares: exposicións, salas de conferencias, de lectura, audiovisual, multimedia... que as convirte nun efectivo centro de recursos.
Por suposto no xantar aproveitamos para intercambiar comentarios, experiencias, opinións e programar próximos encontros (LEMOS XUNTOS en Sanxenxo) e futuras visitas bibliotequeiras.
(Bibliotecas Escolares de IES Sanxenxo, IES Ribeira de Louro, CEIP A Lama e IES de Poio).

VISITAS BIBLIOTEQUEIRAS on PhotoPeach