domingo, 28 de octubre de 2012

Xornadas LENDO NA CASA (Tui, 2012)

O pasado xoves tivemos o gusto de asistir á xornada do programa Lendo na casa que ten como finalidade a promoción da lectura en familia e que estivo organizado pola biblioteca municipal e as bibliotecas escolares de Tui.
Na mesa redonda que presenciamos falaron Conchi Regueiro (escritora de literatura infantil e xuvenil), Concha Costas (coordinadora do programa de lectura "Gondomar lendo para medrar. Espazo lectura") e Pilar Sampedro (asesora das bibliotecas escolares da Xunta de Galicia).
As tres relatoras coincidiron na grande importancia que ten a colaboración e a participación das familias nos programas de lectura;  Conchi Reguerio afirmaba que foi a súa nai quen a introduciu no mundo da lectura, comezou "lendo na casa".


Concha Costas presentou o programa de actividades da súa asociación que naceu dun grupo de pais e nais no ano 2006 (nas súas prácticas lectoras os pais e as nais son mediadores, axentes e facilitadores das lecturas cos seus fillos e fillas).
Pilar Sampedro falounos do programa de fomento da lectura en familia que se coordina desde a asesoría de bibliotecas escolares e das prácticas que estas desenvolven no seu día a día; " A casa é a célula cultural arredor da lectura (...) as bibliotecas escolares son un espazo aberto á toda a comunidade educativa". A hora de ler, a hora do conto, as maletas para as familias,  as mochilas viaxeiras son actividades lectoras que implican directamente ás familias. " Se ti les, eles len".


Os nosos parabéns aos organizadores.

miércoles, 24 de octubre de 2012

Celebramos o DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

Hoxe 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas Escolares con varias actividades: 

  • No mural que situamos na entrada da nosa biblioteca colocamos post-it cunha mensaxe sobre o que significa para nós a biblioteca.
  • Redactamos acrósticos coa mesma palabra: biblioteca, poemas que finalmente colgamos.
  • Escribimos cartas á biblioteca que depositamos no buzón que os alumnos de 3º de ESO C crearon para este día.
  • Tivemos ademais unha pequena exposición de mini-libros.
  • E como non, no tempo de lecer fixemos unha reunión do noso club de lectura.
Todo un día arredor da nosa BIBE.
DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES 2012 on PhotoPeach

O noso agradecemento ás coordinadoras da  Biblioteca Municipal dos Rosais (A Coruña) polas súas fotos e pola idea inicial e que logo nós adaptamos e ampliamos. 
Tamén damos as grazas a Débora, a profe de Plástica, que amablemente recolleu a idea e coordinou a elaboración do mural.

sábado, 20 de octubre de 2012

VISITAS BIBLIOTEQUEIRAS: A BIBLIOTECA DO CEIP A LAMA.

Continuando coas nosas xornadas de aprendizaxe "in situ", coas nosas visitas bibliotequeiras, hoxe fomos amablemente recibidos no CEIP A Lama por cinco membros do equipo da biblioteca: Marta Couso, Mª Teresa Rivas, Tania Rivas, Cristina Campos, Rafael Sánchez-Agustino e pooorrrrrr LEO a súa mascota.
Na mesma porta da escola ademais dos membros do equipo, Leo dábanos a benvida e convidávanos a entrar no mundo da lectura e da ilusión.
Seguindo os pasiños de queixo no chan (como Pulgariño as migallas de pan) entramos nun mundo de fantasía, a súa biblioteca... talmente todos os visitantes desexamos ser nenos e asistir a aquela escola, gozar daquela biblioteca; as imaxes, os sinaladores, a audioteca, o lugar de troco, as lecturas, todo nos invitava a mergullarnos no mundo de Leo e Lulula, escoller un libro e sentar a ler.
Os espazos lectores,  o Kamisibai, a luz e as cores xiraban ao noso redor e imaxinamos o lugar cheo de rapaciños, de risos, de música, de ledicia e de vida... quixemos compartir os momentos con eles e os seus mestres. 
Sentados naquelas cadeiriñas o tempo voou, falamos, preguntamos, escoitamos as explicacións que se nos facilitaron e só a hora do xantar nos forzou a abandonar este mundo de Lulula e de Leo.
As imaxes darán fe da visita:

VISITAS BIBLIOTEQUEIRAS: CEIP A LAMA on PhotoPeach

O noso agradecemento aos amables anfitrións.

I XORNADAS "LENDO NA CASA"

Desde o IES San Paio de Tui chéganos este cartel informativo co programa das xornadas "Lendo na casa", programa de animación e fomento da lectura dirixido fundamentalmente á lectura en familia.
Nestas xornadas haberá obradoiros dirixidos a rapaces, a pais e tamén haberá cabida para os docentes que traballamos coa lectura.
A lectura empeza nas familias e a promoción desta actividade dentro do entorno da casa é fundamental para sentar as bases da mesma: anticíparse á lectura na escola é posteriormente un complemento da mesma.
Desde aquí animámosvos a participar nestas xornadas:


domingo, 14 de octubre de 2012

MARÍA FUMAÇA: CANTAR E BAILAR PARA SER MÁIS FELIZ

Cancións para achegarnos á lectura: lemos, cantamos e bailamos. María Fumaça novos aires neste libro-disco:
"Uxía, Magín Blanco, Isaac Palacín, Carlos Blanco, Tanxarina Teatro… e un mollo de artistas únense para botar a andar a locomotora musical máis divertida, atolada e sensible que nunca se viu."
Blog de Editorial Galaxia  http://www.editorialgalaxia.com/weblog/?p=16754


domingo, 7 de octubre de 2012

ARGINE: LEMOS IMAXES (I)


Con este fermoso vídeo de animación iniciamos unha nova sección no noso blog: "Lemos imaxes", nela iremos publicando imaxes sen texto, vídeos ou fotografías coa finalidade de que a partir delas, vós e a vosa imaxinación creedes o voso propio texto: