O pasado xoves tivemos o gusto de asistir á xornada do programa Lendo na casa que ten como finalidade a promoción da lectura en familia e que estivo organizado pola biblioteca municipal e as bibliotecas escolares de Tui.
Na mesa redonda que presenciamos falaron Conchi Regueiro (escritora de literatura infantil e xuvenil), Concha Costas (coordinadora do programa de lectura "Gondomar lendo para medrar. Espazo lectura") e Pilar Sampedro (asesora das bibliotecas escolares da Xunta de Galicia).
As tres relatoras coincidiron na grande importancia que ten a colaboración e a participación das familias nos programas de lectura; Conchi Reguerio afirmaba que foi a súa nai quen a introduciu no mundo da lectura, comezou "lendo na casa".
Concha Costas presentou o programa de actividades da súa asociación que naceu dun grupo de pais e nais no ano 2006 (nas súas prácticas lectoras os pais e as nais son mediadores, axentes e facilitadores das lecturas cos seus fillos e fillas).
Pilar Sampedro falounos do programa de fomento da lectura en familia que se coordina desde a asesoría de bibliotecas escolares e das prácticas que estas desenvolven no seu día a día; " A casa é a célula cultural arredor da lectura (...) as bibliotecas escolares son un espazo aberto á toda a comunidade educativa". A hora de ler, a hora do conto, as maletas para as familias, as mochilas viaxeiras son actividades lectoras que implican directamente ás familias. " Se ti les, eles len".
Os nosos parabéns aos organizadores.
No hay comentarios:
Publicar un comentario