viernes, 29 de abril de 2011

CELEBRAMOS O DÍA DO LIBRO CON CARLOS NEGRO (II)

Esta mañá puidemos gozar da compañía do escritor Carlos Negro que quixo formar parte da nosa Celebración do Día do Libro.

O autor puxo en escea, recitounos o seu libro de poesía Makinaria; comezamos o acto coa lectura das valoracións que do seu lpoemario fixeron Tatiana, Sabela, Nerea e Iriana (1º de bacharelato), deseguido comezou o escritor falándonos da poesía: "A poesía ten o poder do sonido, os poemas teñen a forza da palabra en vivo"..." A poesía ten a dimensión da forza no ritmo, a forza da comunicación"
Contounos Carlos Negro que para escribir o libro se inspirou nun grupo de mozos determinados, pero pensa que non todos os mozos son coma os protagonistas de Makinaria. Ao tempo, e de capítulo en capítulo foi colocando sobre a mesa un grupo de coches de xoguetes que simbolizaban o cemiterio, un coche por cada un dos mortos que cada ano se producen nas estradas galegas.
A parte da súa obra que máis lle gusta é No way por que fala da dobre visión pais-fillos, é unha especie de diálogo; a última parte é a oración de despedida do mozo.
Ás preguntas do auditorio díxonos que a literatura ten o poder de que o escritor poida imaxinar cousas que non viviu, el escribe poesía por que lle permite expresar o que quere.
Logo regalounos a todos unha caixiña que contiña uns versos de amor de autores galegos vivos e un sugus e tivemos que compartir os nosos versos cos demais. Despois leunos o fermoso conto "Frederick" de Leo Lioni que nos axuda a comprender a poesía.
Como despedida recitounos o poema co que agasallou ás bibliotecas escolares galegas e que fala da súa visión da lectura.
Un encontro entrañable coa poesía e con Carlos Negro; moi agradecidos ao autor pola súa marabillosa posta en escea que todos disfrutamos, nada mellor para conmemorar o día do libro.

jueves, 28 de abril de 2011

CELEBRAMOS O DÍA DO LIBRO CON CARLOS NEGRO

No día de mañá celebraremos o día do libro  (23 de abril, que como sabedes coincidiu coas vacacións) co escritor Carlos Negro; os alumnos do IES de POIO imos ter a sorte de falar en persoa co autor de MAKINARIA, unha obra moi orixinal, pola súa forma -narrativa escrita en verso- e pola súa estrutura, as distintas partes estan organizadas coma se  dunha canción se tratase, cos seus títulos moi significativos, algúns deles relacionados coa música ou cos video xogos.
A adrenalina producida pola velocidade que trae nefastas consecuencias na vida dos xoves, sobre este tema reflexionaremos e debateremos co autor.
Esperamos que nos lea tamén o poema que escribiu sobre a lectura, celebrando con nós o día do libro. Xa vos contaremos... 

Unha illa de luz na xema dos dedos.
Unha porta sempre entreaberta.
Unha duna cara o vento.
Unha nuba sobre a herba.
Unha casa encantada.
Unha laranxa do paraíso.
Unha pousada no inferno.
Unha man e unha fouce.
Unha carapucha vermella.
Unha bufanda colorada.
Unha alfombra no ceo.
A pulga e o xigante.
A rosa e o cravo.
A serpe e a mazá.
A fonte e o cervo.
A flor da candea.
A fenda do espello.
A lúa na boca.
A tona do tempo.
A pedra e o canto.
A voz e o silencio.
O lugar da lectura.

Carlos Negro

Este poema foi un agasallo do autor ás Bibliotecas Escolares de Galicia no Día Mundial do Libro, enlazamos co blog das Bibliotecas Escolares de donde o compartimos :



sábado, 9 de abril de 2011

EMOCIONÁMONOS CON XOSÉ NEIRA VILAS

No día de onte e no marco dos ENCONTROS DO PLAN DE MELLORA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES 2010/2011 asistimos moi conmovidos a un agradable encontro co escritor Xosé Neira Vilas, o cal puxo un marabilloso e emotivo broche final a unhas xorndas xa de por si magníficas; falounos de libros e de bibliotecas, das súas experiencias persoais  cos libros e coa lectura, narrounos episodios da súa vida, que nalgunhas ocasións nos trouxeron á memoria algunhas esceas da súa obra máis coñecida e da cal celebramos este ano o 50 ANIVERSARIO: Memorias dun neno labrego, comprobádeo senón:
Galicia:
" Eu tiña que andar oito quilómetros ida e oito quilómetros de volta para ir á escola tres días á semana, e non por un camiño asfaltado, polo medio do monte, con pedras e cheo de lama"...
" Os xoguetes faciámolos nós polo que non os rompiamos e ademais aprendiamos a usar as ferramentas"
"Eu pedía libros a Barcelona para poder ler e escondíaos debaixo das tellas"... "Aos 16 anos traballaba nun aserradeiro"
Arxentina:
"Quería estudar e estudei xornalismo"... "Lía moitos libros que logo lle daba a dúas escolas"... "Anisia e eu fundamos unha distribuidora do libro galego Follas Novas, co fin de difundir o libro galego en toda América, co 30% que lle gañabamos aos libros invertiámolo en libros galegos que ían ás bibliotecas"
Cuba:
"En Cuba había daquela 6,4 libros por habitante" ... "Alí os mestres teñen moito prestixio social ... non hai suspensos, o suspenso é un problema de honor para o mestre e todos colaboran paa que non se suspenda"...

"Memorias" está considerado o primeiro libro da literatura infantil e xuvenil pero non foi escrito para nenos: Eu dixen hai que contar isto,  o drama dos campesiños (os libros que daquela había sobre campesinos daban unha visión chocalleira dos mesmos), eu tiña trinta anos; Escribía nun caderno as historias de Balbino, igual que Balbino.  Escribía nun café e o primeiro lector de "Memorias" foi o camareiro daquel café, o segundo foi Anisia e o terceiro Rafael Dieste. Hoxe en día está publicado a múltiples idiomas e hai tamén unha edición en Braille para cegos publicada pola ONCE de A Coruña.
Eu sempre andei entre libros, diciase dun home "acariñaba os libros como un avaro acariñaba as moedas"...
"Agora recibo homenaxes e discursos: Este tipo de discursos faise cando o autor está morto e eu pido disculpas porque estou vivo."
Nese momento o auditorio comezou a aplaudilo, levantuose e durante un longo rato permaneceu en pé aplaudindo en homenaxe ao autor, o cal humildemente devolvía os aplausos ao auditorio; toda unha lección de humanidade, as súas fermosas palabras e a súa actitude cun público que se desbordaba de admiración polo escritor... realmente foi o mellor regalo para rematar estas xornadas.
Para unha información máis técnica e ver unha presentación de fotos sobre as xornadas remitímosvos ao blog do IES de Fene "O Segrel do Penedo":


viernes, 1 de abril de 2011

DÍA DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

Este luns celebraremos o Día do libro infantil e xuvenil (2 de abril). Como xa sabemos esta celebración coincide co día do nacemento do escritor de contos Hans Christiam Andersen e nada mellor para esta conmemoración que unha sesión de contacontos. O acto celebrarase na biblioteca ás 12 da mañá; comezaremos coa lectura da biografía e obra de Andersen na voz de Iván Ferreiro (4º de ESO B), a seguir deleitarémonos cun contacontos na voz do noso incondicional mestre Carlos Núñez Pombo; logo Rubén Matínez (4ºde ESO B) explicaranos o porqué e o como desta celebración e finalmente Paula Sertal (4º de ESO B) lerá o manifesto deste ano escrito pola autora estoniana Aino Pervik:

Os libros dannos a coñecer o que realmente sentían Tom Sawyer, Huckleberry Finn e o seu amigo Jim ao navegar polo Mississippi a finais do século XIX, no momento no que Mark Twain narraba as súas aventuras: el coñecía profundamente o que a xente da súa época pensaba dos demais, porque el mesmo vivía entre eles. El era un deles. As obras literarias que foron escritas na súa mesma época, cando a xente daquel tempo aínda vivía, son as que falan de xeito máis auténtico da xente do pasado.
O libro lembra.



E para completar este interesante documental de RTVE:  "A tradición dos contos populares" do programa "Imprescindibles":
http://www.rtve.es/television/20110318/tradicion-cuentos-populares-esta-semana-imprescindibles/417780.shtml