lunes, 1 de septiembre de 2014

ÁMOTE LEO A., para comezar o novo curso co bo sabor das viaxes.

A escritora Rosa Aneiros sempre consigue namorarnos coa súa escrita; nesta ocasión e da man de Leo, a protagonista da triloxía: Ámote Leo A., lévanos polo mundo adiante durante seis meses, de Galicia ao norte de África, ao sabor de oriente en Istambul, Praga, París e o continente americano, Bos Aires, Cuzco...

Unha novela itinerante,  unha novela de aprendizaxe e formación de personaxes, Leo vai polo mundo de mochila ao lombo e cun escaso presuposto á procura dun soño, viaxar coma antes fixera o seu heroe literario: Marco Polo.

As obras teñen unha referencia literarias moi sólidas, desde As cidades invisibles de Italo Calvino  ás breves e múltiples recensións sobre obras e autores relacionados cos lugares por onde a protagonista vai pasando.

As novas tecnoloxías como fondo: Os novos medios de comunicación, de busca de información, de centrar de reservas e billetes... as novas formas de viaxar da xente nova que busca novos mundos e novas experiencias, o coñecemento doutras culturas, doutras xentes e doutros xeitos de interpretar a vida.

En xeral unha novela dinámica, fresca, cunha linguaxe clara e moi coidada no mellor estilo desta autora. Unha obra ideal para iniciar as lecturas deste curso que hoxe comeza cun doce sabor a liberdade, a liberdade que os soños e as viaxes nos proporcionan.