domingo, 18 de abril de 2010

O ROTEIRO DA PRAIA DOS AFOGADOS

O mércores día 15, dentro dos actos programados pola nosa biblioteca para conmemorar o Día do Libro infantil e xuvenil, realizamos con outros IES de Galiza ( das Neves, Viveiro, Pontevedra...)o roteiro organizado arredor da trama da segunda novela de Domingo Villar "A praia dos afogados" que transcorre en escenarios como Vigo ou PANXÓN.

O tempo acompañounos regalándonos un fermoso día de primavera; chegados a Panxón fomos recibidos polos amables representantes da Editorial Galaxia (Fernando e Iolanda), entidade organizadora do roteiro, e tivemos o encontro co escritor Domingo Villar que nos contou a súa traxectoria ata chegar a ser escritor(" Sempre quixen escribir, sempre fun contador de cousas... as miñas novelas son contos de amor a unha terra, disfrazados de novela negra").

Dalí nos diriximos a Monteferro onde nos esperaba o noso experto en toponimiaXosé Lois Villar, despois dunha curta pero agreste camiñada polo monte, coas illas Cies como marco, falounos da toponimia da novela, de como os mariñeiros se orientan no mar, de como botan as nasas e como as recuperan sempre arredor da trama da novela.

De volta en Panxón, recibiunos a actriz Ana Carreira que dirixiu os nosos pasos polo pobo e pola novela: a praia dos afogados, a igrexa votiva de don Xosé, e moita imaxinación, posta en escea impecable...

Ás dúas, o xantar e moita praia, despois da mañá literaria era de merecer, e moitas novas: Domingo Villar está preparando a terceira entrega do inspector Leo Caldas e xa hai productora de cine para o filme de A praia dos afogados... as nosas cábalas: o actor Luís Tosar sería ideal para encarnar a Leo Caldas, non si????????

1 comentario:

Salomé dijo...

Parabéns por esta actividade, ten unha pinta estupenda.