domingo, 18 de noviembre de 2012

Presentación de: EN VÍAS DE EXTINCIÓN de MARÍA REIMÓNDEZ


O pasado xoves día 15 asistimos na Librería Paz á presentación da nova novela da escritora María Reimóndez En vías de extinción. Unha presentación moi acreditada pois a autora viña da man de Fran Alonso e de Eva Mejuto.

Primeiramente falounos  Fran Alonso que para introducir a súa valoración da obra dixo que esta presentaba un novo paradigma social e ten puntos de contacto coa obra en xeral da autora; a novela relátanos a traxectoria vital da protagonista, Gaia, unha muller-toxo, lesbiana, feminista, galeguista... Dinos Fran Alonso que se trata dun relato dun vitalismo profundo, contado sen pelos na lingua  e presenta unha estrutura árborea logo que as distintas partes da novela reciben nomes de árbores, non é unha estrutura lineal do mesmo xeito que as pólas das árbores non son lineais, crean un caos moi ben organizado. A respecto da lingua resulta novidosa a utilización dun galego dialectal, do bloque oriental, zona ancaresa o que lle outorga  verosimilitude ao personaxe.


Continúa Fran Alonso explicando que o discurso ideolóxico é coherente - Gaia exhibe a súa ideoloxía, non a esconde- e a obra resulta multitemática: feminismo,ecoloxismo, reivindicación lingüística, lesbianismo, amor, sexo, liberdade individual. Estamos ante o retrato da sociedade actual e a autora pon en valor a rebeldía e o rexeitamento, defendendo a súaforma de pensar heteroxénea; na novela está implícita a reivindicación da diferencia e da singularidade que nos levará cara a unha sociedade máis plural.

A editora Eva Mejuto comentou que a novela non é unha obra predicible, que ten forza, sensibilidade, intelixencia  e coherencia. Gaia non é o trasunto literario de María Reimóndez pero ambas, autora e personaxe comparten aspectos e ideoloxía; para Eva o que prende á a forza da personaxe, é unha figura importante polo que move nas nosas consciencias e nas nosas contradicións. Á Gaia prestánlle as isoglosas, gústanlle a lingua e as mulleres, ela é un alimento para o espírito, ten a pureza, a inocencia e a forza.

María Reimóndez comeza dicíndonos: " Que cada presentación do libro deixe algo nos que asisten á mesma; prefiro que os libros falen - non me gusta falar dos libros- as cousas proveñen da súa cerna: a súa orixe paterna, a lingua que foi perdendo pero que sigue no seu interior e unha certa actitude vital, pero eu non son Gaia"; prosigue: " hai moito de min nesta novela que abre a porta a un universo literario no que traballarei a partir de agora".

De seguido leunos un fragmentos da novela e un texto inédito que podesdes ler nesta páxina da súa novela:

No hay comentarios: