sábado, 9 de abril de 2011

EMOCIONÁMONOS CON XOSÉ NEIRA VILAS

No día de onte e no marco dos ENCONTROS DO PLAN DE MELLORA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES 2010/2011 asistimos moi conmovidos a un agradable encontro co escritor Xosé Neira Vilas, o cal puxo un marabilloso e emotivo broche final a unhas xorndas xa de por si magníficas; falounos de libros e de bibliotecas, das súas experiencias persoais  cos libros e coa lectura, narrounos episodios da súa vida, que nalgunhas ocasións nos trouxeron á memoria algunhas esceas da súa obra máis coñecida e da cal celebramos este ano o 50 ANIVERSARIO: Memorias dun neno labrego, comprobádeo senón:
Galicia:
" Eu tiña que andar oito quilómetros ida e oito quilómetros de volta para ir á escola tres días á semana, e non por un camiño asfaltado, polo medio do monte, con pedras e cheo de lama"...
" Os xoguetes faciámolos nós polo que non os rompiamos e ademais aprendiamos a usar as ferramentas"
"Eu pedía libros a Barcelona para poder ler e escondíaos debaixo das tellas"... "Aos 16 anos traballaba nun aserradeiro"
Arxentina:
"Quería estudar e estudei xornalismo"... "Lía moitos libros que logo lle daba a dúas escolas"... "Anisia e eu fundamos unha distribuidora do libro galego Follas Novas, co fin de difundir o libro galego en toda América, co 30% que lle gañabamos aos libros invertiámolo en libros galegos que ían ás bibliotecas"
Cuba:
"En Cuba había daquela 6,4 libros por habitante" ... "Alí os mestres teñen moito prestixio social ... non hai suspensos, o suspenso é un problema de honor para o mestre e todos colaboran paa que non se suspenda"...

"Memorias" está considerado o primeiro libro da literatura infantil e xuvenil pero non foi escrito para nenos: Eu dixen hai que contar isto,  o drama dos campesiños (os libros que daquela había sobre campesinos daban unha visión chocalleira dos mesmos), eu tiña trinta anos; Escribía nun caderno as historias de Balbino, igual que Balbino.  Escribía nun café e o primeiro lector de "Memorias" foi o camareiro daquel café, o segundo foi Anisia e o terceiro Rafael Dieste. Hoxe en día está publicado a múltiples idiomas e hai tamén unha edición en Braille para cegos publicada pola ONCE de A Coruña.
Eu sempre andei entre libros, diciase dun home "acariñaba os libros como un avaro acariñaba as moedas"...
"Agora recibo homenaxes e discursos: Este tipo de discursos faise cando o autor está morto e eu pido disculpas porque estou vivo."
Nese momento o auditorio comezou a aplaudilo, levantuose e durante un longo rato permaneceu en pé aplaudindo en homenaxe ao autor, o cal humildemente devolvía os aplausos ao auditorio; toda unha lección de humanidade, as súas fermosas palabras e a súa actitude cun público que se desbordaba de admiración polo escritor... realmente foi o mellor regalo para rematar estas xornadas.
Para unha información máis técnica e ver unha presentación de fotos sobre as xornadas remitímosvos ao blog do IES de Fene "O Segrel do Penedo":


4 comentarios:

O Segrel do Penedo dijo...

Graciñas pola referencia, para nós é un pracer figurar en "As zocas faladoras" na mesma entrada que Neira Vilas a quen tanto admiramos.
Apertas dende Fene!!

Biblosvivos dijo...

Un broche de ouro para estas xornadas. Foi un sopro de aire fresco. Que lucidez, que conciencia lingüística! Un luxo. Saúdos dende Salceda.

Begoña dijo...

Grazas pola túa síntese, por poñerlle verbas ás bágoas que esbaraban sen poder evitalo. Que gusto oilo, cando falaba da súa vida e os libros, cando recordaba á súa compañeira de toda unha vida que o deixou fai tan pouco, que tenro persoaxe.

Grazas a Pilar e Cristina por invitalo e grazas a tí por compartilo con todos nos.

Unha aperta.

Ana Vizoso dijo...

Que bonito,Anxos, e que sorte tivemos de poder escoitalo.

Un biquiño da túa compa.