domingo, 25 de marzo de 2012

III Xornadas: "A competencia en comunicación lingüística. Un proxecto de centro"

Os días 23/24 celebráronse en Compostela as "Terceiras Xornadas de Competencia en Comunicación Lingüística"; ao longo das dúas xornadas presentáronse traballos relacionados co tema central desde un punto de vista teórico e tamén casos prácticos, todos eles de moito interés polo que resulta difícil facer un resume dos conceptos e das prácticas presentadas.
Destacamos as ponencias do profesor ARTUR NOGUEROL sobre "Aprender a comunicar. Comunicar para aprender a actuar" que nos falou de PLURILINGÜISMO ( Cando aprendo unha lingua aprendo outras linguas  e moitas otras cousas: Competencia plurilingúe e multicultural) , da importancia de aprender por proxectos, do uso das linguas (desde enfoques comunicativos predominantemente, a creación de situacións comunicativas nas que o uso teña SENTIDO).
XABIER SAN ISIDRO marcounos as pautas para a elaboración dun Proxecto Lingüístico de Centro ao mesmo tempo que sentou as bases para unha reflexión sobre plurilingüismo e interculturalidade (poñer en valor a nosa cultura a través das outras), o uso das linguas estranxeiras no ensino CLIL (Currículo Integrado das Linguas, un eixo temático común a todas as linguas) , das seccións bilingües e a valoración dos resultados acadados desde un punto de vista académico e estatístico.
ANA MARBÁ TALLADA expuxo os resultados dos seus estudos sobre como "Falar, ler e escribir na clase de ciencias" unha ponencia moi interesante na que desde premisas puramente lingúísticas achegounos a unha exposición de tipo científico: Sintetizar, explicar, xustificar en relación co "se, entón, xa, e por qué", o CRITIC ( a consigna do texto, o rol, as ideas, o test, a afirmación, a información e a conclusión).
TISCAR LARA ( Sempre precisa, analítica, sintética, directa...) falounos de "Ser dixital: aprender a comunicar en rede" (un tema que ela domina na exposición teórica e nas súas prácticas dixitais); Do tecnolóxico ao mediático, do técnico-instrumental ao interpretativo cultural, da necesidade de formarnos (alfabetización mediática); precisou o organigrama dos traballos en rede: "Deconstruír para recompoñer e construír" (analizar o discurso, ler e interpretar).Concluíu falando da manipulación en publicidade e en redes, do MARKETING VIRAL e da remezclas. Falando dos blogs aconsellounos publicar neles dunha forma LIBRE E RESPONSABLE.

Estas exposicións teóricas estiveron apoiadas cos casos practicos desenvoltos polos profesores e profesoras: Anxos Rial (a normalización da lingua galega, os usos plurilingües no marco da biblioteca escolar), Clara Cristela ( a aprendizaxe AICLE/CLIL na aula de sociais en inglés) na primeira xornada, e de Marisol Louro e Eva Garea (metodoloxía corporativa nas linguas), Ovidio Villar (a normalización linguística e os proxectos científicos) e Esther Fernández (o uso das redes sociais educativas e o seu uso dentro da aula).
Remataron as xornadas cunha fermosa posta en escea da contacontos Raquel Queizás, historia de tradición e indios para falar das estrelas.
Finalizamos esta pequena recensión felicitando á Marta Valderrama que xunto cos seus compañeiros do CAFI e dos CEFORES de Vigo e Pontevedra procuraron que todo saíse según o programa e que asistentes e relatores se sentisen  NO SEU FOGAR. Parabéns para eles.


3 comentarios:

Bibliomanía dijo...

Parabéns pola ponencia e por exportar a lingua galega máis aló das nosas fronteiras!

Eva Garea dijo...

Todos estivemos ben a agusto. Gracias por recordalo.

ovivillar dijo...

Efectivamente, coma no noso fogar. Grazas por todo! ;)