Démonos unha volta pola EXPOTAKU de A Coruña 2011, o encontro de OTAKUS afeccionados ao MANGA, ANIME, COSPLAY, VÍDEOXOGOS e CULTURA ÁNIME.
A nosa sorpresa foi grande, iamos buscando unha exposición de libros Manga e Ánime e achamos un pouco de todo o relacionado con este subxénero da Banda Deseñada: vídeos, xoguetes, barallas, monicreques, vestiario, música, videoxogos, consolas, etc...
En canto aos libros había moita variedade, desde os clásicos como Osama Tezuka ás series máis populares como Naruto, Death Note, Fullmetal Alchemist, Airgear...mangas máis femininos como Rosario to Vampire... (ademais coa entrada agasalláronnos cun exemplar de Gemelas Milagrosas de Nami Akimoto). Nos andeis atopamos manuais de como debuxar manga ao lado de libros de cociña nipona.
A exposición serviu de punto de encontro para moitos rapaces e rapazas seguidores dos personaxes protagonistas das series de manga ou ánime que se caracterizaron para esta ocasión como os seus ídolos como podedes comprobar nas fotografías.
A maiores dos puntos de venda de roupa, libros, xogos, había talleres, xogos de mesa, zonas para videoxogos e espazos para a exhibición de Para Para ( baile que se basea no movemento das mans).
Destacamos dous puntos de venda de bonecos xestionados por adolescentes, dirixidos por rapazas de 16/17 anos, un de bonecos manga feitos de punto (ganchillo) e outro de bonecas xaponesas( Blythe, Pullip, Dal, Bjd); Falamos con elas e tiveron a amabilidade de explicarnos como fabrican os seus produtos e como gozan de poñelos a venda para subvencionar a súa afección; Quen dixo que non hai pequenas empresarias????
Tamén visitamos exposicións de roupa estilo "Lolita", ao xeito xaponés, dirixidos tamén por adolescentes que agasallándonos cunha saborosa piruleta nos amosáron os seus orixinais modelos.
Xa vedes como a lectura nos pode achegar a culturas e estéticas moi lonxanas xeograficamente (aínda que moito menos do que coidabamos), rapaces e rapazas de toda Galicia compartiron modelos diferentes chegados do país onde len "do revés", de adiante para atrás, aventuras e sentimentos manga.
No hay comentarios:
Publicar un comentario