
Esta "concesión do Selo “Biblioteca Escolar Solidaria” outórgase a aquelas bibliotecas nas que se traballa de forma salientable a compensación de desigualdades e se fomenta o voluntariado cultural entre os integrantes da comunidade escolar. Este selo é un recoñecemento ao traballo das comunidades educativas a prol dunha biblioteca escolar atenta ás necesidades de todos os seus integrantes en materia de lectura e de acceso ao coñecemento.
Poden optar á concesión do selo os centros que traballen nos seguintes ámbitos:
- Reforzar os valores de xustiza e solidariedade, propiciar de forma salientable a compensación de desigualdades e favorecer o uso dos recursos con fórmulas de aproveitamento axeitadas mediante un programa de medidas estruturais e sistematizadas.
- Contar con alumnado voluntario da biblioteca.
- Involucrar ás familias como colaboradoras da biblioteca escolar: familias voluntarias.
A concesión do Selo quedou publicada tamén no blog das bibliotecas escolares de Galicia:
Estamos encantados con este novo recoñecemento á nosa biblioteca e felicitamos ademais á Asesoría de Bibliotecas escolares de Galicia por poñer en marcha esta iniciativa.
Seguiremos traballando no camiño da compensación de desigualdades e por unha biblioteca máis inclusiva.
Parabéns a todos e todas os que participamos neste proxecto.