jueves, 3 de diciembre de 2015

Xogo de pistas na biblioteca



Despois de varios días de duras tarefas na aula pelexando cos dicionarios, as definicións, a orde alfabética e a organización das bibliotecas, por fin chegou o día de gozar máis que nunca co aprendido.

Os rapaces e rapazas de 1º de ESO C realizaron unha procura de libros a partir dun xogo preparado pola profe de lingua. Ademais de atopar cada un dos libros, tiveron que colocalos de novo no lugar axeitado, e todo antes que os equipos rivais!. Fixérono estupendamente e pasámolo en grande!

Ademais, conseguimos coñecer de primeira man os fondos da biblioteca que nos poden interesar para ler durante as próximas vacacións de Nadal, sacando dos andeis os libros máis apetecibles.

A clasificación xeral foi a seguinte:

1º: Gabriel e Anxo
2º: Aroa e Ángela
3º: Dylan e Julio
4º: Antón e Abraham
5º: Suli e Ainhoa
6º: Lúa e Lisa
7º: Sandra e Lucía
8º: Elisa e Carlota



miércoles, 2 de diciembre de 2015

Tamara Andrés gaña o Premio de poesía O Facho 2015.


Tamara Andrés A nosa querida ex-alumna Tamara Andrés Padín vén de gañar o Premio de poesía O facho 2015 coa obra Nenæspiraes . Coñeciamos a Tamara Andrés coma narradora pola súa obra "A mentalista" que xa presentou na nosa biblioteca. Agora nos sorprende co seu segundo poemario publicado e premiado. Queremos felicitala e por suposto convidala a presentar este libro de poesía rodeada dos lectores e lectoras da biblioteca do IES de Poio que moito a aprezamos.

Parabéns, Tamara.

E en primicia, agasállanos cun poema do seu libro:

A fame dos poetas

O corpo da meniña deitado na mesa.
Cando as luvas abrazan as túas mans,
inicias a intervención.

Limpas a pel arredor do embigo
e fas unha incisión á dereita del.
Tiras da membrana e, pouco a pouco,
vas descubrindo cada músculo.

Dáslle a volta
(a cabeza continúa na mesma posición),
prosegues a túa tarefa
e logo retiras, un a un,
todos os músculos.

Levas as mans ensanguentadas á boca
(bebes,
tamén lambes a carne),
e cando xa non queda nada máis que o esqueleto,
limpas ben todos os ósos,
fonte da medula,
e clavas nun deles a palla
(bebes,
lambes tamén os teus propios beizos;
que pouco che gusta cociñar, pensas).
Arrincas o que queda da pequena
(as pernas, ben carnosas,
os brazos, ben mornos,
a face, ben doce, ben lene),
e deixas as sobras na esquina,
a carón da vasoira,
por se a algún dos teus compañeiros
lle entra a fame.





viernes, 27 de noviembre de 2015

"Querido Balbino", sempre te levaremos no corazón:

Tralo pasamento de Xosé Neira Vilas retomamos os seu paso polo noso blog nas mas do noso alumnado:



Aqueles anos do Moncho, cando cumpría 50 anos:

http://aszocasfaladoras.blogspot.com.es/search/label/Neira%20Vilas

E nas Xornadas de bibliotecas escolares galegas no 2010:

http://www.edu.xunta.es/biblioteca/redeBE/mod/resource/view.php?inpopup=true&id=242


EnREDandoversos con Neira Vilas:

http://enredandoversos.blogspot.com.es/2013/08/enredando-versos-con-neira-vilas.html


Que a súa man descanse na man de Anisia Miranda.





domingo, 22 de noviembre de 2015

viernes, 6 de noviembre de 2015

Práctica de formación de usuarios na biblioteca.

Os fondos da nosa biblioteca estaban un pouco desordeados e a profe Cristina e o profe Carlos do equipo da biblioteca decidiron, moi sabiamente, que os rapaces e rapazas aprenderían a manexarse mellor se reordenaban eles e elas estes fondos:
Sesión práctica de Formación de usuarios...

Formando usuarios na biblioteca on PhotoPeach

jueves, 5 de noviembre de 2015

LECTURAS DE OUTONO

 
cuberta-coma-unha-ancora-1











Chegou o outono coas súas tardes nostálxicas e o   pracer de quedar na casiña acompañados dunha boa lectura; seleccionando e compartindo atopamos unhas novelas máis que recomendables para acompañarnos nas tardes molladas, quizais do melloriño que atopamos nas bibliotecas e librerías, combinan o bo facer co goce da lectura da obra de lecer:
  • Francisco Castro con TES ATA AS 10 enganchános nunha vertixe ao compás das novas tecnoloxías, mensaxes do alén que nos collen da man para relatar unha historia de amor ( pasado e presente) e desamor, os silencios obrigados da época de posguerra, o poder da información, dos cartos e da sociedade nos dous eixes xeográfico..s galegos (Vigo e A Coruña) e unha intriga que fai que non abandones a lectura ata o fin sorprendente… compartíremolo no club de lectura do 2º trimestre.
  • Héctor Cajaraville con DE REMATE  conquístanos co pracer da mensaxe do xornalismo acompañado da confidencia do relato íntimo do diario, desde o primeiro capítulo, independencia de creación e de opinión, cunha estrutura moi traballada e orixinal pola mestura de xéneros, coa frescura da inmediatez dos medios de comunicación.
  • Un pracer descubrir a prosa poética ou a narrativa lírica do primeiro capítulo de COMO UNHA ÁNCORA de Iria Collazo López, unha linguaxe fermosa, coidada, chea de sons e de sabores do mar arroupan a traxedia; os vellos costumes, a represión e a loita pola supervivencia en tons líricos, un regalo para os sentidos nun Morrazo da época.
  • E como non podía ser menos, o agasallo de EUROPA EXPRESS de Andrea Maceiras, merece capítulo aparte esta historia da procura da identidade, das respostas crúas; unha viaxe en interrail por Europa que é unha realización dun soño a par que unha aprendizaxe. Namorámonos de Nico, de Xacobe, de Mía, de Piero… de Aroa, personaxes e compañeiros, amigos que  “sen acuse de recibo” e tras o “xiro postal” arriban ao “franqueo de destino” dez anos despois.
Un día de choiva e o lume, unha presa de castañas e unha boa historia para compartirmos un outono cheo de imaxes e de palabras.

E quédannos por ler LOURENÇO XOGRAR  de Manuel Portas e OS ELEFANTES DE SOKÚROV de Riveiro Coello, quen dá máis calidade???

Que o gocedes...

martes, 3 de noviembre de 2015

Habitaciones cerradas de Care Santos



Hai xa un par de veráns lin, por que no verán é cando leo en castelán, a novela "Habitaciónes cerradas" de Care Santos na edición do Círculo de lectores; eu coñecía a Care Santos polas súas obras  de literatura xuvenil e a miña valoración das lecturas era moi positiva.

"Habitaciónes cerradas" era a primeira obra de literatura para adultos que lle lía (se existe unha barreira entre literatura de adultos e literatura xuvenil) e estiven encantada, gustoume a intriga, o xogo temporal, a mistura de narrativa e xénero epistolar, o retrato da Barcelona das épocas, o deseño dos personaxes...
Tanto así que o verán seguinte animeime con "Deseo de chocolate" e novamente estiven enganchada ata o final.

 Creo que Care Santos coñece os gustos do lector, do xuvenil e do adulto, e sabe conquistarnos con historias mistura de intriga e romanticismo sen caer no cursi de moitas escritoras romanticas e coidando a estrutura e a linguaxe.

Hoxe estrean na TVE a versión en miniserie de " Habitacións cerradas" esperemos que a adaptación da novela ao cine non nos desencante, polo de pronto haberá que vela.