Chegou o outono coas súas tardes nostálxicas e o pracer de quedar na casiña acompañados dunha boa lectura; seleccionando e compartindo atopamos unhas novelas máis que recomendables para acompañarnos nas tardes molladas, quizais do melloriño que atopamos nas bibliotecas e librerías, combinan o bo facer co goce da lectura da obra de lecer:
- Francisco Castro con TES ATA AS 10 enganchános nunha vertixe ao compás das novas tecnoloxías, mensaxes do alén que nos collen da man para relatar unha historia de amor ( pasado e presente) e desamor, os silencios obrigados da época de posguerra, o poder da información, dos cartos e da sociedade nos dous eixes xeográfico..s galegos (Vigo e A Coruña) e unha intriga que fai que non abandones a lectura ata o fin sorprendente… compartíremolo no club de lectura do 2º trimestre.
- Héctor Cajaraville con DE REMATE conquístanos co pracer da mensaxe do xornalismo acompañado da confidencia do relato íntimo do diario, desde o primeiro capítulo, independencia de creación e de opinión, cunha estrutura moi traballada e orixinal pola mestura de xéneros, coa frescura da inmediatez dos medios de comunicación.
- Un pracer descubrir a prosa poética ou a narrativa lírica do primeiro capítulo de COMO UNHA ÁNCORA de Iria Collazo López, unha linguaxe fermosa, coidada, chea de sons e de sabores do mar arroupan a traxedia; os vellos costumes, a represión e a loita pola supervivencia en tons líricos, un regalo para os sentidos nun Morrazo da época.
- E como non podía ser menos, o agasallo de EUROPA EXPRESS de Andrea Maceiras, merece capítulo aparte esta historia da procura da identidade, das respostas crúas; unha viaxe en interrail por Europa que é unha realización dun soño a par que unha aprendizaxe. Namorámonos de Nico, de Xacobe, de Mía, de Piero… de Aroa, personaxes e compañeiros, amigos que “sen acuse de recibo” e tras o “xiro postal” arriban ao “franqueo de destino” dez anos despois.
Un día de choiva e o lume, unha presa de castañas e unha boa historia para compartirmos un outono cheo de imaxes e de palabras.
E quédannos por ler LOURENÇO XOGRAR de Manuel Portas e OS ELEFANTES DE SOKÚROV de Riveiro Coello, quen dá máis calidade???
E quédannos por ler LOURENÇO XOGRAR de Manuel Portas e OS ELEFANTES DE SOKÚROV de Riveiro Coello, quen dá máis calidade???
No hay comentarios:
Publicar un comentario