Mostrando entradas con la etiqueta Juan Mata. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Juan Mata. Mostrar todas las entradas

domingo, 15 de abril de 2012

"LEMOS XUNTOS" Sanxenxo

   O pasado venres asistimos en Sanxenxo ás xornadas de Lemos Xuntos (lectura en familia) organizadas polos centros educativos deste concello coa finalidade de achegar a lectura a mestres, alumnos e pais.
   Puidemos escoitar alí a Juán Mata (catedrático especialista na lectura en familias da Universidade de Granada) que comenzou a súa intervención con estas palabras: " Me gustaría hablar todas las lenguas por lo menos esta tarde el gallego" e léndonos o poema IRMAUS de Celso Emilo Ferreiro (el é un gran defensor da lectura en voz alta: " A lectura en voz alta por encima de todo é unha mostra de afecto"), poema que fora lido en Granada o día anterior noutras xornadas de lectura.
   Juán Mata profundizou na importancia da lectura en xeral e do peso que esta pode ter na vida dos nenos se é compartida con pais e profesores ( " a posibilidade de reflexionar xuntos  e de lermos xuntos garante a aprendizaxe das competencias da lectura, a ler ben por parte dos alumnos; ler xuntos, adultos e nenos, facilita falar dunha maneira que doutro modo non podería ser"); díxonos que non hai lectura sen emoción ("as cousas que marcan a verdade están marcadas pola emoción e a lectura non pode nin debe estar á marxe disto, a lectura facilita a posibilidade de que o mundo que os nenos van vivir sexa un anticipo") e que lermos xuntos permítenos ir máis alá do utilitario; "se queremos que os nenos lean hai que vincular a lectura co que lles importa de verdade, facilitarlles o encontro coa vida a través dos libros. Isto ten sentido, dá sentido ao ensino en momentos nos que os tempos non van vir moi ben dados."
   Despois das conclusións das xornadas e a clausura por parte do Director Xeral de Centros e a alcaldesa de Sanxenxo, presenciamos un broche final de luxo: Cándido Pazó e as súas "Cunqueiradas", subindo e baixando a súa escada puxo en práctica con grande mestría as técnicas tradicionais da transmisión oral unidas aos contidos e as formas do Sr. Cunqueiro: os curiosos personaxes, o encaixe das historias (unha leva aoutra ao xeito das caixas chinesas), as chamadas ao espectador, os argumentos de autoridade, a mistura de fantasía e realidade dentro do mundo propiamente galego. Unha marabillosa posta en escea que nos roubou sorrisos e gargalladas ao tempo que reflexionamos sobre o material das patas de pau e a convenniecia de ter unha para estar "á moda".

   Os nosos parabéns para os organizadores, en concreto a Mª Dolores e a Ricardo que tanto se esforzaron por levar a bo término estas xornadas. Felicitámolos polo seu traballo tan ben feito e agora vos deixamos coas imaxes:


LEMOS XUNTOS - SANXENXO 2012 on PhotoPeach