martes, 14 de junio de 2016

SELO DE BIBLIOTECA ESCOLAR SOLIDARIA.

Esta mañá foi publicada no portal da Xunta a concesión do "SELO DE BIBLIOTECA ESCOLAR SOLIDARIA" e a nosa biblioteca resultou merecedora dun dos seis selos outorgados:



Esta "concesión do Selo “Biblioteca Escolar Solidaria” outórgase a aquelas bibliotecas nas que se traballa de forma salientable a compensación de desigualdades e se fomenta o voluntariado cultural entre os integrantes da comunidade escolar. Este selo é un recoñecemento ao traballo das comunidades educativas a prol dunha biblioteca escolar atenta ás necesidades de todos os seus integrantes en materia de lectura e de acceso ao coñecemento.

Poden optar á concesión do selo os centros que traballen nos seguintes ámbitos:

  •  Reforzar os valores de xustiza e solidariedade, propiciar de forma salientable a compensación de desigualdades e favorecer o uso dos recursos con fórmulas de aproveitamento axeitadas mediante un programa de medidas estruturais e sistematizadas.
  • Contar con alumnado voluntario da biblioteca.
  • Involucrar ás familias como colaboradoras da biblioteca escolar: familias voluntarias.
A concesión do Selo quedou publicada tamén no blog das bibliotecas escolares de Galicia:



Estamos encantados con este novo recoñecemento á nosa biblioteca e felicitamos ademais á Asesoría de Bibliotecas escolares de Galicia por poñer en marcha esta iniciativa. 

Seguiremos traballando no camiño da compensación de desigualdades e por unha biblioteca máis inclusiva.

Parabéns a todos e todas os que participamos neste proxecto.


lunes, 6 de junio de 2016

RELATO DIXITAL DE "CABALOS E LOBOS" DE FRAN P. LORENZO

O reto para as lecturas da 3º avaliación en 1º de bacharelato era variado: realizar un booktoober, un relato dixital, unha recensión sobre o libro que escolleran, e comezan a chegar os primeiros resultados:
Carlos Simes de 1º de bacharelato A, preséntanos este relato dixital (A narración dunha historia contada en poucos minutos mediante diversos recursos multimedia)sobre a novela "Cabalos e lobos" de Fran P. Lorenzo:

miércoles, 1 de junio de 2016

Presentamos a nosa biblioteca ao futuro alumnado de 1º de ESO.




Recibimos na mañá de onte ao alumnado das escolas adscritas ao noso IESe que será o alumnado de 1º de ESO no vindeiro curso 2016/17.

Presentámoslles a nosa biblioteca e falamos con eles do seu funcionamento; alegrounos comprobar que moitos deles xa están participando como voluntariado de biblioteca nos seus coles.



Falámoslles tamén do noso proxecto de clubs de lectura e mostráronse moi interesado en participar deles, hai que ir formando canteira.



De despedida, agasallámolos cun marcalibros do Día do libro e das Bibliotecas Escolares Galegas. Foi un gustazo ver a biblioteca tan chea de novas voces.


Presentación do libro " Habilidades gimnástico- acrobáticas" de Francisco Sáez.




Na mañá de onte tivemos o pracer de presentar ao alumnado de 1º de bacharelato o libro "Habilidades gimnástico acrobáticas" da autoría do profesor e antigo compañeiro do noso centro Francisco Sáez Pastor.










Foi unha presentación moi didáctica e ao tempo moi entrañable xa que o autor fora titor destes alumnos cando eles estaban en 2º de ESO e moitas das actuacións que se presentaban neste libro formaban parte das prácticas realizadas polo alumnado no seu momento nas aulas de Educación Física.


O profesor Francisco Sáez faloulles da práctica da Educación Física desde o punto de vista da didáctica da materia e da posta en práctica da mesma, da conveniencia e necesidade da realización de moitos dos exercicios do libro, que van acompañados de deseños realizados polo propio autor e da importancia de executalos con corrección e seguridade para evitar lesións.



O autor foi presentado polo escritor Xesús Constela e acompañado polos seus compañeiros do instituto.




Os nosos parabéns para o autor.