miércoles, 2 de diciembre de 2015

Tamara Andrés gaña o Premio de poesía O Facho 2015.


Tamara Andrés A nosa querida ex-alumna Tamara Andrés Padín vén de gañar o Premio de poesía O facho 2015 coa obra Nenæspiraes . Coñeciamos a Tamara Andrés coma narradora pola súa obra "A mentalista" que xa presentou na nosa biblioteca. Agora nos sorprende co seu segundo poemario publicado e premiado. Queremos felicitala e por suposto convidala a presentar este libro de poesía rodeada dos lectores e lectoras da biblioteca do IES de Poio que moito a aprezamos.

Parabéns, Tamara.

E en primicia, agasállanos cun poema do seu libro:

A fame dos poetas

O corpo da meniña deitado na mesa.
Cando as luvas abrazan as túas mans,
inicias a intervención.

Limpas a pel arredor do embigo
e fas unha incisión á dereita del.
Tiras da membrana e, pouco a pouco,
vas descubrindo cada músculo.

Dáslle a volta
(a cabeza continúa na mesma posición),
prosegues a túa tarefa
e logo retiras, un a un,
todos os músculos.

Levas as mans ensanguentadas á boca
(bebes,
tamén lambes a carne),
e cando xa non queda nada máis que o esqueleto,
limpas ben todos os ósos,
fonte da medula,
e clavas nun deles a palla
(bebes,
lambes tamén os teus propios beizos;
que pouco che gusta cociñar, pensas).
Arrincas o que queda da pequena
(as pernas, ben carnosas,
os brazos, ben mornos,
a face, ben doce, ben lene),
e deixas as sobras na esquina,
a carón da vasoira,
por se a algún dos teus compañeiros
lle entra a fame.





No hay comentarios: