domingo, 17 de enero de 2010

ROSA ANEIROS visitará o IES de POIO

O vindeiro mércores, 27 de xaneiro recibiremos no noso centro á escritora Rosa Aneiros:
Rosa Aneiros Díaz (1976) naceu no concello de Valdoviño. Xornalista de profesión, colabora de forma habitual en distintos medios de comunicación impresos e electrónicos, entre eles, culturagalega.org e a Axencia Galega de Noticias.
É autora da novela xuvenil “Eu de maior quero ser” (1999) e do libro de relatos “Corazóns amolecidos en salitre” (2002). Tamén publicou relatos en diversos volumes colectivos: “Narradoras” (Xerais, 2000); “Mini.relatos” (1999), “De soños e memorias” (2003), “Seis narradores ferroláns” (2003), “Narradio. 56 historias no ar” (Xerais, 2003) ou “Sempre mar. cultura contra a burla negra” (2003).
No seu haber conta con recoñecementos como o premio Manuel Lueiro Rey (1996); o Modesto Rodríguez Figueiredo (Pedrón de Ouro, 1998); o Manuel Murguía (2001) ou o Carvalho Calero (2001).
A súa novela “Resistencia” (Xerais, 2002), foi reeditada xa en tres ocasións, ademais de recibir o Premio Arcebispo Xoán de San Clemente en 2003 e ser traducida ao portugués pola editorial Dom Quixote. A súa novela “Veu visitarme o mar” (Xerais 2004) pasou desapercibida malia tratar o tema do Prestige.
Actualmente vén de recibir o Premio Xerais de novela 2009 pola súa obra SOL DE INVERNO, na miña opinión a obra máis madura temática, estética e estilisticamente de Rosa, que nos traslada á época da posguerra, dos campos de refuxiados en Francia e do exilo en CUBA da man de Inverno, a súa sensible e comprometida protagonista.
Tamén acada o premio de narrativa xuvenil de Caixa Galicia pola novela Ás de bolboreta, un fermoso panorama de personaxes que teñen en común estar relacionados cun bar, unha galería que nos achega aos problemas da emigración, da soidade da vellez, da maternidade e a cooperación pacifista, do terrorismo islamista, etc.
Benvida ao IES de POIO, de certo que os nosos alumnos disfrutarán coas túas palabras.

No hay comentarios: