domingo, 18 de abril de 2010

O ROTEIRO DA PRAIA DOS AFOGADOS

O mércores día 15, dentro dos actos programados pola nosa biblioteca para conmemorar o Día do Libro infantil e xuvenil, realizamos con outros IES de Galiza ( das Neves, Viveiro, Pontevedra...)o roteiro organizado arredor da trama da segunda novela de Domingo Villar "A praia dos afogados" que transcorre en escenarios como Vigo ou PANXÓN.

O tempo acompañounos regalándonos un fermoso día de primavera; chegados a Panxón fomos recibidos polos amables representantes da Editorial Galaxia (Fernando e Iolanda), entidade organizadora do roteiro, e tivemos o encontro co escritor Domingo Villar que nos contou a súa traxectoria ata chegar a ser escritor(" Sempre quixen escribir, sempre fun contador de cousas... as miñas novelas son contos de amor a unha terra, disfrazados de novela negra").

Dalí nos diriximos a Monteferro onde nos esperaba o noso experto en toponimiaXosé Lois Villar, despois dunha curta pero agreste camiñada polo monte, coas illas Cies como marco, falounos da toponimia da novela, de como os mariñeiros se orientan no mar, de como botan as nasas e como as recuperan sempre arredor da trama da novela.

De volta en Panxón, recibiunos a actriz Ana Carreira que dirixiu os nosos pasos polo pobo e pola novela: a praia dos afogados, a igrexa votiva de don Xosé, e moita imaxinación, posta en escea impecable...

Ás dúas, o xantar e moita praia, despois da mañá literaria era de merecer, e moitas novas: Domingo Villar está preparando a terceira entrega do inspector Leo Caldas e xa hai productora de cine para o filme de A praia dos afogados... as nosas cábalas: o actor Luís Tosar sería ideal para encarnar a Leo Caldas, non si????????

lunes, 12 de abril de 2010

Fran Alonso no IES de POIO, celebración do Día do libro infantil e xuvenil.

Esta tarde tivemos con nós a un orador de excepción para celebrar o Día do libro infantil e xuvenil: Fran Alonso e os seus Males de Cabeza.
Durante máis dunha hora o escritor respondeu ás preguntas dos nosos chic@s, Por que non subiu ao tren a Señora Lola? Cal é o seu relato preferido? Hai algo de machismo en Domesticum bellum?... e fixo a súa especial aportación á nosa celebración: Os libros nos proporcionan liberdade, axúdannos a ter múltiples perspectivas, a coñecer máis cousas por nós mesmos; en Males de cabeza falo, por exemplo, do medo a tomar decisións, dos medos que xeneran crises, neuroses, o mundo que nos rodea é un pouco neurótico.
A literatura é prescindible, ler é imprescindible; a literatura para divertirse, o humor, e en Males de cabeza hai moito de humor.
Para rematar o encontro cun broche de ouro, Fran Alonso leunos o manifesto do día do libro, o fermoso texto sobre a lectura de Eliacer Cansino:
" non esperes máis, estende a túa man, toma un libro, ábreo, le"

viernes, 9 de abril de 2010

PROGRAMA do DÍA DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

O vindeiro luns celebraremos na nosa biblioteca o "DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL" que conmemora o nacemento de Hans Christian Andersen; a nosa biblioteca uniuse a distintas organizacións como a OEPLI (Organización española para o libro infantil e xuvenil) ou GALIX (Asociación galega do libro infantil e xuvenil) para celebralo; estes son os actos que realizaremos con ese fin... cal?????? o de fomentar a lectura, claro.... • Lectura do manifesto pola lectura do escritor ELIACER CANSINO e o cartel de NOEMÍ VILLAMUZA que este ano preparou a OEPLI, e que en todos os países do mundo se lerá ás 12,00 horas ou ás 18,00 horas do día 12 de abril. • Encontro dos alumnos de bacharelato co escritor galego Fran Alonso, autor do libro de relatos “Males de cabeza”. • Exposición escolar sobre o tema de literatura e cine.
Aquí vos deixamos un pequeno fragmento do manifesto: Así que… non esperes máis, estende a túa man, toma un libro, ábreo, le: descubrirás, igual que na canción da miña infancia, que non hai barco, por pequeno que sexa, que en pouco tempo non aprenda a navegar.” Eliacer Cansino

martes, 6 de abril de 2010

COPIAR, PEGAR E PODER MODIFICAR: A ARTE DO HIP-HOP

O HIP-HOP ACOMPAÑOUNOS esta mañá no IES de POIO, concerto e mesa redonda sobre música e compromiso social. Aprendemos de formas contaculturais: Rap, Graffitty, música electrónica, dous vinilos e unha mesa de mezclas, un ritmo que sigue; optamos polas artes positivas, Paz e igualdade=Positividade. As artes do hip-hop como AUTOESTIMA (PARA AXUDARTE, PARA ANIMARTE); usamos a palabra en forma de RAP para dicirlle ao mundo o que temos que dicir sen censuras.

domingo, 28 de marzo de 2010

Un encontro de mulleres para salvar ás mulleres: Valencia 2010, Encontro de mulleres por un mundo mellor España-África

Concluíu en Valencia o V encontro de mulleres españolas, europeas, africanas, comprometidas na loita pola igualdade que plasmaron os seus compromisos nun documento no que suscriben impulsar o número de mestras en varios países africanos.
Informa o xornal O País da asistencia de dúas xefas de estados moi distintos e contrapostas: Tarja Halonen de Finlandia ( 53 millóns de habitantes e PIB per cápita 34.769€) e Ellen Johnson-Sirleaf de Liberia (3,4 millóns de habitantes, PIB per cápita 220€); ante a pregunta "Cales son as prioridades na loita pola muller nos seus países?" as respostas son :
- Ellen Johnson: "A alfabetización das nenas e a protección contra a violencia sexual".
- Tarja Halonen: "Tivemos éxito en educación e sanidade mais fáltanos traballar na promoción das mulleres para que ocupen máis cargos directivos".
Continúa o País na Análise de Berna G. Harbour:" Ser muller comprometida en Finlandia é loitar porque as mulleres poidan compartir o poder en empresas, en política ou na vida. Ser mulller comprometida en Liberia é loitar para que non as violen ou se o fan, polo menos que non as maten"
A declaración de Valencia afirma que a falta de vontade política e a insuficiencia de recursos impiden o libre exercicio dos dereitos humanos das mulleres en África, polo que é imprescindible consolidar modelos sociais que procuren a igualdade.
Os acordos en materia de ensino (fomento da educación), sanidade (formación de enfermeiras e matronas) están sobre o papel, cadaquén que reflexione sobre estes feitos e como poderemos nós paliar as consecuencias.

(Fontes: EL País, 28/3/10; adn.es ( http://www.adn.es/printVersion/ADNNWS20100328_0576/31); V encuentro España África ( http://www.xn--africanasyespaolas-00b.es/).

miércoles, 24 de marzo de 2010

Celebración de UXÍO NOVONEYRA : "Os eidos" quinta esencia da natureza e da comunión do home coa natureza e coa patria. (Xosé L. Méndez Ferrín)

Hoxe tivo lugar en Pontevedra o acto "Celebración de Uxío Novoneyra (1930-1999)", presentou Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística que informou sobre o contido do caderno Ramón Piñeiro nº XIV, ao que se referiu como "libro fermosamente traballado que lle encantaría ver a Uxío Novoneyra".

A seguir tomou a palabra Herminio Barreiro que citou: "se Deus falase galego sería coa voz de Uxío Novoneyra", " con Uxío pódeme o personaxe, a súa capacidade de ensoñación, lírico, épico..." .

Daniel Pino afirmou coñecer a voz antes cá persoa, "Uxío fíxome amar e ensinar a poesía desde unha perspectiva de voar alto e pisar a terra, e que o meu idioma era a lingua que agora alguén segue a terlle medo (...) Saúde onde esteas, amigo. "

Luís Cochón continuou citando ao poeta: "En poesía non debe haber palabras sobrantes".

Xosé Luís Méndez Ferrín realizou unha fermosa viaxe pola poesía de Novoneyra: " O preludio desde a poesía á soidade do individuo, as palabras que parten do corazón que se sinte individual e único no mundo". Na traxectoria do vate destaca os anos 50 cando Uxío decide que os poetas galegos debían ter un nome unido ao lugar de procedencia (e só o fai Avilés de Taramancos), do 57 son os textos oratorios.

En Madrid - continúa Ferrín- Novoneyra abrése a outra dimensión poética, o ton elexíaco, dramático da súa poesía, a dimensión política e revolucionaria: o poeta é revolucionario dentro da revolución e revolucionario na poesía ( Vietnam canto: os imperios poden ser vencidos e humillados polos pobos).

Nos 60, A letanía de Galiza e finalmente a retirada ao Caurel, a última xeira, insiste na caligrafía e nos aspectos plásticos.

Remata Ferrín a súa especial homenaxe a Novoneyra dicindo que foi excluído da Academia Galega coma outros grandes poetas (Celso Emilio Ferreiro por exemplo) pero afirma que iso non volverá acontecer.

sábado, 20 de marzo de 2010

Picasso e Celso Emilio Ferreiro: A simbiose da arte (pintura e poema)

II

De súpeto, nos límites lonxanos do horizonte

fitou o resprandor dunha cidá en chamas

semellante a un remoto mencer amarelo.

De enriba baixou un rumor de treboada,un xordo bruído de río enrabexado,

coma un rouco balbordo cubrindo a paisaxe.

Oubeou un can nos arrabaldos,e comenzaron os lóstregos.

O fume,coma unha palmeira xigantesca

abriu os seus brazos ardentes

i esparexeu pola bóveda celeste

un escuro anuncio de morte.Asubíos e lóstregos.

Os paxaros da tarde

caíron mortos cal follas de outono.

A sireia da fábrica ergueu o seu chifro

fendendo en dous anacos o día tépedo,

o día húmido e íntimo con sabor de beixo.

Lóstregos.

(Alcendeuse a bombilla).

Unhas maus deformes afirmaron os cotobelos

no aire estremecidoe un retablo de caras esmaceladas,

mirando para o cumio, increparon aos dioses.

Queimada carne, pernas, pés, ferraduras...

Un touro axexante, coma un Minotauro perdido

nun laberinto de brazos, rostros, pernas, seos tumefactos,

muxía longamente.

(Apagouse a bombilla).

Un cincel rotoprocramou a súa protesta.

Un cabalodislocado, desbocado, agallopou frenético

sobre os cascos de pedra e nitroglicerina.Lóstregos.

Fedía a cortello misturado con cloaca e xofre.

(Alcendeuse, apagouse a bombilla).

Viuse e non se viu unha paisaxede brazos, rostros, pernas, dedos,

tellas, seos, portas, aramios...

Lóstregos e os derradeiros estoupidos.

Dempois, nada. Silencio. Un mesto silencio

de noite nevada ou de terra erma.

Xorxe, meu vello amigo:Ti que estás cos que sofren a historia

i en contra dos que a escriben,

¿como fuches parar á tropa?

Soldado de Longa noite de pedra. Celso Emilio Ferreiro.

domingo, 14 de marzo de 2010

Homenaxe a Agustín Fernández Paz: "O don verdadeiro está nas persoas que fan de intermediarios ao transmitir as historias"

O pasado sábado tivemos o privilexio de asistir á homenaxe que, no marco do Salón do libro infantil e xuvenil de Pontevedra, se lle adicou ao escritor Agustín Fernández Paz. Resultou un acto moi emotivo, para o autor e para os asistentes.
O seu amigo e escritor Xabier Docampo regalouno cun tenro discurso xogando coas letras do alfabeto: A de amor, B de buxo, C de canto (avance estilístico do relato e que ti sexas o cantor), D de dar (por darnos unha obra literaria e pola túa entrega á literatura), E de estrelecido (a túa obra é luz para o camiño da vida), H de honradez (a túa obra é un labor honrado), I de irmao dito á chairega, L de lembranzas (a literatura trata da longa memoria de todos nós), Q de queiroga ( ofrézoche unha flor da carqueixa en imaxe), R de Raquel (seis personaxes da túa obra), V de Valente polo escritor ourensan.
Respostoulle Agustín con palabras de José A. Valente "o que dá a palabra dá un don", agradeceu a compañía dos presentes e dixo sentirse moi afortunado. Indicou que cada inverno en Pontevedra florecen os libros no Salón do libro e facendo referencia ao tema central do salón concretou: "as cidades son o ámbito para que florezan a liberdade e a solidariedade.
A seguir contounos que os seus libros son resultado dun traballo teimudo e obsesivo, "pasei unha boa parte da miña vida contando historias, as nosas historias creadas cos fíos da vida e a miña vida está nas historias"
Concluíu dicindo que " O don vedadeiro está nas persoas que fan de intermediarios ao transmitir as historias: bibliotecarios, editores, libreiros, pais e nais.".
Pechou o acto a concelleira de Cultura de Pontevedra facendo referencia ao importante número de visitantes do salón nesta edición, agradecendo a colaboración de todos os que axudaron a que fora posible e facendo unha referencia aos malos tempos que sopran para o galego coa presentación ese mesmo día do Decreto do galego.

viernes, 12 de marzo de 2010

RES IN PACEM: Homenaxe a Miguel Delibes

Hoxe, fóisenos Miguel Delibes un dos mellores escritores en español da xeración da posguerra; nós desexamos facerlle esta pequena homenaxe desde o IES de Poio, e ningunha mellor que lembrar as súas obras que nos acompañárán sempre. Grazas Miguel Delibes.
" Y el ventanuco iba oscureciéndose y el valle se tornaba macilento y triste. Y ellos seguían discutiendo sin advertir que se hacía de noche y que sobre el tejado de pizarra repiqueteaba aún la lluvia y que el tranvía interprovincial subía ya afanosamente vía arriba, soltando, de vez en cuando, blancos y espumosos borbotones de humo, y Daniel, el Mochuelo, se compungía pensando que él necessitaba una cicatriz y no la tenía, y si la tuviera, quizá podría dilucidar la cuestión sobre si las cicatrices sabían saladas por causa del sudor, como afirmaba Tiñoso, o por causa del hierro, como decían el Moñigo y Lucas, el Mutilado." El camino, 1950.
Cinco horas con Mario, 1966: Res in pacem, Miguel Delibes.

miércoles, 10 de marzo de 2010

PENSA ANTES DE PUBLICAR!!!!!!!!! A SEGURIDADE EN INTERNET

O pasado mes de febreiro celebrouse o "Internet Safer Day - Think B4 U Post", o Día internacional pola seguridade en Internet coa finalidade de promover o uso seguro e responsable das novas tecnoloxías entre menores e adolescentes.
Tics, foros, blogs e redes sociais permiten a publicación de fotos, artigos, opinións... e interactuar deixando comentarios, subir fotos, vídeos sen que sexamos conscientes, as máis das veces, das consecuencias; isto pode convetirse nunha arma con dobre gume (fomentar a creatividade ou danar e ferir aos outros).
Para evitalo debemos:
- Configurar adecuadamente as opcións de privacidade da rede.
- Facer unha selección de contactos e amigos.
- Pensar nas consecuencias antes de publicar, subir unha foto, vídeo, un comentario, etc.
- Solicitar o permiso das persoas que aparecen nas imaxes ou ás que se cita nos comentarios.
Seguindo estes pasos evitaremos danar a outras persoas, a compañeiros que se poden sentir avergoñados ou ofendidos polas nosas actuacións.
Podedes atopar máis información nestes enlaces:
Oficina de Seguridade do internauta: http://www.osi.es/Protegete/Menores_protegidos/
Centro de respuestas a incidentes en TIC para Pymes e cidadáns: cert.inteco.es
( fonte: Pesonal Computer & internet)