O pasado sábado tivemos o privilexio de asistir á homenaxe que, no marco do Salón do libro infantil e xuvenil de Pontevedra, se lle adicou ao escritor Agustín Fernández Paz. Resultou un acto moi emotivo, para o autor e para os asistentes.
O seu amigo e escritor Xabier Docampo regalouno cun tenro discurso xogando coas letras do alfabeto: A de amor, B de buxo, C de canto (avance estilístico do relato e que ti sexas o cantor), D de dar (por darnos unha obra literaria e pola túa entrega á literatura), E de estrelecido (a túa obra é luz para o camiño da vida), H de honradez (a túa obra é un labor honrado), I de irmao dito á chairega, L de lembranzas (a literatura trata da longa memoria de todos nós), Q de queiroga ( ofrézoche unha flor da carqueixa en imaxe), R de Raquel (seis personaxes da túa obra), V de Valente polo escritor ourensan.
Respostoulle Agustín con palabras de José A. Valente "o que dá a palabra dá un don", agradeceu a compañía dos presentes e dixo sentirse moi afortunado. Indicou que cada inverno en Pontevedra florecen os libros no Salón do libro e facendo referencia ao tema central do salón concretou: "as cidades son o ámbito para que florezan a liberdade e a solidariedade.
A seguir contounos que os seus libros son resultado dun traballo teimudo e obsesivo, "pasei unha boa parte da miña vida contando historias, as nosas historias creadas cos fíos da vida e a miña vida está nas historias"
Concluíu dicindo que " O don vedadeiro está nas persoas que fan de intermediarios ao transmitir as historias: bibliotecarios, editores, libreiros, pais e nais.".
Pechou o acto a concelleira de Cultura de Pontevedra facendo referencia ao importante número de visitantes do salón nesta edición, agradecendo a colaboración de todos os que axudaron a que fora posible e facendo unha referencia aos malos tempos que sopran para o galego coa presentación ese mesmo día do Decreto do galego.
1 comentario:
Grazas pola crónica de parte de quenes non poidemos estar presentes
Publicar un comentario