O libro dos Reis Magos
http://www.xunta.es/linguagalega/arquivos/libro_Reis.pdf
En 1º de ESO lemos algúns dos poemas da obra que recolle poemas do mellorciño das poetas e narradoras actuais en lingua galega.
Escollemos este texto de María Solar que fala dun agasallo de Nadal moi especial "O IDIOMA":
Queridos nenos e nenas, os Magos xa estamos aquí!
Acabadiños de chegar de Oriente con estes sacos cheos de agasallos para vós. Este ano non traemos carbón! Baltasar queixouse de que levaba máis de dous mil anos carrexando carbón que ninguén quería, e mirra que ninguén sabía o que era; por iso non estaba contento e quixo mudar os seus agasallos.
Pensou que un idioma sería un regalo que a todos tiña que agradar porque, con el, podíase construír o que cada un quixese: desexos, soños e ilusións. Baltasar xuntou todas as palabras de todos os idiomas e foinos metendo en sacos, e os sacos colocounos sobre o camelo. Eran centos deles, tantos coma idiomas hai no mundo. Arriba de todo quedou o galego. Dentro dos sacos as palabras foron pousando. As máis pesadas, as imprescindibles, as que importan, pousaron no fondo e as lixeiras, as prescindibles,
as que sobran, quedaron no alto.
Pero foi que na viaxe o camelo de Baltasar colleu impo. “Hip”, impou, e do último saco caeu a última palabra: guerra. O camelo que viña detrás pisouna, e alí quedou esmagada. O camelo de Baltasar seguiu impando.
Fame, mentira, enfermidade, tristura, caeron e foron esmagadas. Así, chegou hoxe cun idioma peneirado de palabras que sobran, que non só é fermoso, se non tamén bo e xeneroso. E Baltasar quere que moitos de vós o recibades e que o usedes así, como lle quedou, cargado de palabras que importan.
Estes son os comentarios que á carta fixeron os alumnos e alumnas de 1º D de ESO:
" O texto gustounos por que en vez de traer agasallos normais, os Reis traen algo que non se mira nunca, o idioma e as palabras. Tamén nos gustou que as palabras malas caeran do saco e que as pisara o camelo e que a palabra "galego" querara enriba."
Carma Besada e Blanca Besada.
"Gustounos o texto porque regalar un idioma é algo que sempre utilizaremos nas nosas vidas, por que se non temos idioma non nos podemos comunicar cos demais e construír palabras, novas palabras. Grazas a esta carta podemos imaxinar como é a historia, de donde veñen as palabras tan fermosas e tan feas dos nosos idiomas"
Yolanda Iglesias e Iria Besada.
"Este texto gustounos porque o que pasa é agradable, as palabras que caen e se esmagan, non debería ocurrir nunca. O que pensa Baltasar é verdade por que coa linguaxe se poden ter soños e ilusións agradables."
Álvaro Martínez e Iria Barreiro.
"Gustounos este texto por que é unha historia que fala dos agasallos que trae Baltasar sobre a cultura das linguas, é entretido por que o camelo colleu impo e soltou as palabras que sobraban: guerra, fame, mentiras, enfermidade, tristura..."
Alejandro Albar e Alba Esperón.
"A lectura que lemos gustounos moito por que os Reis traían agasallos diferentes coma os idiomas, o galego, o castelán, o inglés... Quérenos transmitir que falemos as linguas do mundo, dicirnos que as palabras que caeron do saco, guerra, mentira, tirstura, caeron para que non se falaran esas palabras no mundo. A parte que máis nos gustou é cando ao camelo se lle caen as palabras malas e outro esmáganas."
Manuel Besada e Jorge Meijueiro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario