domingo, 12 de junio de 2011

QUERIDO BALBINO (1961-2011 50 anos de MEMORIAS DUN NENO LABREGO)

Nestes tempos anda a percorrer as bibliotecas da Galiza, unha exposición organizada pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galiza que se titula "QUERIDO BALBINO"  e que quere celebrar os 50 anos da publicación de MEMORIAS DUN NENO LABREGO.
Do libriño co cal nos agasallaron ao visitar a exposición, e da CARTA A BALBINO, entresacamos estas fermosas palabras escritas polo autor, NEIRA VILAS ao seu Balbino cincuenta anos despois:

"Eramos da mesma idade. Con vinte anos eu marchei para América e ti ficaches na aldea, en calquera aldea das tantas aldeas galegas. Tamén ti eras un de tantos balbinos, pois daquela había moitos (non de nome pero si de condición). Nunca te esquecín, porque sería coma esquecerme do meu propio berce, do meu eido orixinario, de min mesmo, que en definitiva son ou fun, coma quen di, un Balbino máis. Un ninguén. (...) En medio século o mundo cambiou moito. E tamén cambiou o pequeno mundo meu e teu, sucedéronse as xeracións, hai outras modas e tamén outros modos, outras cancións, outras palabras que se foron mesturando coa nosa fala, outros medios para saber o que acontece no mundo de lonxe, tan revolto coma sempre. Pero o esencial está como estaba. Permanece. Por iso os Balbinos de hoxe, inda que en xeral teñen mellor mantenza e mellor escola, visten mellor, non tripan lama, e os máis deles andan en coche, seguen lendo as túas "memorias", e cando se lles vai algo, falan co pai ou co avó e deseguida volven ao rego.

E nada máis por hoxe, compañeiro, amigo dende a infancia e para sempre, rapaz auténtico da Galicia eterna e auténtica. Xuntos estamos de por vida.

Unha aperta e un aturuxo do teu veciño, teu amigo, teu pai e teu biógrafo-fabulador. "
Xosé Neira Vilas
Gres, marzo de 2011.


sábado, 11 de junio de 2011

LECTURAS DE VERÁN: A ALEMANIA VAISE POR AQUÍ (FLM2011)

Aquí tedes as obras que vos recomendamos para pasar un bo verán cheíño de lecturas; este curso decidimos facer un monográfico sobre a literatura alemá aproveitando a información que nos facilitaron na FLM2011. Esperamos que o disfrutedes:

martes, 7 de junio de 2011

VISITAMOS A FEIRA DO LIBRO DE MADRID

Os días 2,3 e 4 de xuño, o grupo dos clubs de lectura de 3º de ESO que participa no programa ARCE reunímonos na Feira do Libro de Madrid cos nosos compañeiros de Gran Canaria e Murcia.
Visitamos a cidade y realizamos múltiples actividades relacionadas coa lectura e co mundo do libro: Visita ao Museo do Libro, participamos noutras organizadas no marco da feira como a mesa redonda sobre o presente e futuro do libro, encontrámonos e fixemos fotografías con Leer.es, paseamos polo recinto, mercamos libros e vimos a algúns dos escritores máis sonados do país como o Nobel Vargas Llosa, María Dueñas, Múñoz Molina...
Mais sen dúbida a actividade máis importante foi a posta en común que arredor das nosas lecturas realizamos coas nosas coordinadoras. Aquí tedes o docimento visual:

martes, 31 de mayo de 2011

A INSOPORTABLE LEVEDADE DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES GALEGAS

Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:

Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.

Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.

Colectivo dos equipos das bibliotecas escolares integradas no PLAMBE (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares Galegas)






domingo, 22 de mayo de 2011

MANGA: EXPOTAKU, A CORUÑA 2011

Démonos unha volta pola EXPOTAKU de A Coruña 2011, o encontro de OTAKUS afeccionados ao MANGA, ANIME, COSPLAY, VÍDEOXOGOS e CULTURA ÁNIME.
A nosa sorpresa foi grande, iamos buscando unha exposición de libros Manga e Ánime e achamos un pouco de todo o relacionado con este subxénero da Banda Deseñada: vídeos, xoguetes, barallas, monicreques, vestiario, música, videoxogos, consolas, etc...
 En canto aos libros había moita variedade, desde os clásicos como Osama Tezuka ás series máis populares como Naruto, Death Note, Fullmetal Alchemist, Airgear...mangas máis femininos como Rosario to Vampire... (ademais coa entrada agasalláronnos cun exemplar de Gemelas Milagrosas de Nami Akimoto). Nos andeis atopamos manuais de como debuxar manga ao lado de libros de cociña nipona.
A exposición serviu de punto de encontro para moitos rapaces e rapazas seguidores dos personaxes protagonistas das series de manga ou ánime que se caracterizaron para esta ocasión como os seus ídolos como podedes comprobar nas fotografías.
A maiores dos puntos de venda de roupa, libros, xogos, había talleres, xogos de mesa, zonas para videoxogos e espazos para a exhibición de Para Para ( baile que se basea no movemento das mans).


Destacamos dous puntos de venda de bonecos xestionados por adolescentes, dirixidos por rapazas de 16/17 anos,  un de bonecos manga feitos de punto (ganchillo) e outro de bonecas xaponesas( Blythe, Pullip, Dal, Bjd); Falamos con elas e tiveron a amabilidade de explicarnos como fabrican os seus produtos e como gozan de poñelos a venda para subvencionar a súa afección; Quen dixo que non hai pequenas empresarias????
Tamén visitamos exposicións de roupa estilo "Lolita", ao xeito xaponés, dirixidos tamén por adolescentes que agasallándonos cunha saborosa piruleta nos amosáron os seus orixinais modelos.
Xa vedes como a lectura nos pode achegar a culturas e estéticas moi lonxanas xeograficamente (aínda que moito menos do que coidabamos), rapaces e rapazas de toda Galicia compartiron modelos diferentes chegados do país onde len "do revés", de adiante para atrás, aventuras e sentimentos manga.

viernes, 20 de mayo de 2011

RECITAL DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS NO IES DE POIO

O pasado día 16 de maio as linguas de Europa (inglés, español, latín, grego, francés... e por suposto galego) tomáronse da man para homenaxear ás LETRAS GALEGAS e ao noso escritor LOIS PEREIRO.
Alumnado da ESO e de 1º de Bacharelato, profesores de todos os Departamentos Didácticos, coordinados todos eles polo profesor Xosé Muíños colaboraron para realizar unha sonora e lírica celebración.
Entre as follas das árbores penduraban, cal elementos da natureza, os poemas visuais creados para a ocasión polos chicos de 1º e 2º de ESO; O recitado de textos estivo apoiado por cancións moi ao sabor de Lois Pereiro.
Unha fermosa tarde chea de luces, cores e palabras dos nosos poetas da cal aquí vos deixamos testemuño; Felicitacións para todos.

martes, 17 de mayo de 2011

SALVANDO LIBROS DA LITERATURA GALEGA: LETRAS GALEGAS (IV)

Sobran as palabras ante este magnífico traballo colaborativo das BIBES GALEGAS, polo de COLABORATIVO e polo SALVAMENTO da LITERATURA GALEGA; que mellor iniciativa para celebrar estas Nosas Letras (que van camiño de LETRIÑAS, cada vez máis esquecidas e perdidas no tempo, non por iso menos queridas), que rescatar os nosos LIBROS, as palabras dos escritores de onte e de hoxe, os versos do noso poeta máis maldito, máis punk, máis underground: LOIS PEREIRO





ENCAIXES DE INERCIA

O día que o meu sangue teña forza
pra murchar e arincar a edra do amor
virá con paso firme
a inercia do costume
a tecerme en desastres noutro estilo
con fíos de emoción e agullas torpes
curando a nova insania
co antídoto da lóxica
deixando novas redes no meu sexo
pra manter a edra viva
- o seu veleño-
na idea que destrúe no ennui que crea.

e como diría o noso centenario CUNQUEIRO:

MIL PRIMAVERAS MÁIS.

LETRAS GALEGAS (III): POEMAS VISUAIS DE 1º e 2º de ESO

Os alumnos de 1º e 2º de ESO, coordinados polo profesor Xosé Muíños, realizaron estes orixinais poemas visuais (caligramas, acrósticos,...) co gallo da celbración do día das LETRAS GALEGAS. Mirade que traballos máis orixinais e fermosos:

domingo, 15 de mayo de 2011

LETRAS GALEGAS 2011: LOIS PEREIRO (Poemas)

Para nos ir animando con vistas ao recital de mañá podemos poetizarnos con estas composicións do autor:

LETRAS GALEGAS 2011: LOIS PEREIRO

Este ano o material publicado na rede sobre LOIS PEREIRO, o autor ao que se lle adica o Día das Letras Galegas foi moi abundante polo que decidimos enlazar aquí algúns traballos realizados por outras Bibliotecas Escolares Galegas que nos parecen dunha gran calidade; así por exemplo a serie de presentacións elaborada por Elvira Roiz co asesoramento de Inés Pereiro, irmá do poeta, e publicada pola Biblioteca Saturnino Hermida do IES Concepción Arenal de Ferrol:

E as continuacións:
Monforte
Madrid
Coruña 1
Coruña 2 

Enlazamos tamén a audiografía elaborada polo departamento de Música e os alumnos de 4º de ESO do CPI San Vicente ( blog ARS LEGENDI) de A Baña e publicada pola súa biblioteca:




E xa para ler, rematamos co artigo publicado polo profesor Manuel Rei Romeu no diario dixital "Terra e tempo":
http://www.terraetempo.com/artigo.php?artigo=1368&seccion=5

De quererdes ampliar información, podedes consultar a páxina da Coordinadora de equipas de Normalización Lingüística que está completísima:

http://www.coordinadoraendl.org/letras2011/index.php


No noso centro teremos mañá o Recital das Letras Galegas 2011 no que participarán alumnos da ESO que nos lerán unha selección de poemas galegos en tódalas linguas.
Tamén podedes visitar a exposición "Salvando libros da literatura galega" organizada polas BIBES galegas, na que participamos.