domingo, 1 de mayo de 2016

Presentación de A ROTURA DAS PAISAXES novo libro de XESÚS CONSTELA.


O pasado 28 de abril asistimos á presentación do novo libro do noso compañeiro e colaborador da biblioteca XESÚS CONSTELA, A ROTURA DAS PAISAXES, no museo de Pontevedra. Resultou un acto moi emotivo pois o escritor estivo arroupado por un numeroso grupo de compañeiros e alumnos do IES de Poio. O noso escritor atopábase moi contento da presentación desta nova obra súa.

Compartimos a recensión que do acto fixo MANUEL BRAGADO no seu blog BRÉTEMAS agradecéndolle que nos permitira esta re-publicación coa fin de que chegue a todos os alumnos e alumnas de Xesús Constela a través do blog da biblioteca.

"Máis dun cento de persoas participaron onte no Museo de Pontevedra na presentación d´A rotura das paisaxes de Xesús Constela. Un acto organizado polo Atneo de Pontevedra que resultou fermoso, divertido, emocionante nalgúns momentos, onde o autor conversou co xornalista e crítico Ramón Rozas e recitou parte do poemario “Cidade castigada” (incluído na novela). Un serán literario no que puidemos gozar da estrea dun teaser conmovedor sobre a obra preparado polo cineasta Mario Iglesias e locutado por Ruth Sabucedo.



Comezou a conversa Ramón Rozas cualificando A rotura das paisaxes como “novela importante, que consolida unha obra singular coa que autor dá un salto cualitativo na maneira de escribir e como facelo. Un salto que se iniciara a partir de 15.724, asumindo dende entón Constela un risco, concibindo a actividade literaria como carácter de aventura, que fideliza ao lector por crear un mundo tan singular e inesperado”. Rozas definiu a novela como “relato poliédrico de moitas narracións que se van enfiando a través da conversa de dous personaxes que camiñan nunha praia”. Na primeira das súas intervencións, Constela confesou que se dedicaba á literatura “por que son feliz escribindo”, porén, recoñeceu que “a publicación deste libro dáme un pouco de medo, é arriscado, non é narrativa ao uso”. “A rotura das paisaxes é unha homenaxe a Rayuela de Cortázar, razón pola que o libro ten dúas formas de lectura, como un libro de relatos ou como unha novela que contén un relato principal no que os contos forman parte da trama”.

(...)

Rozas preguntou sobre as preocupacións do Constela narrador. O autor non dubidou en confesar que “sacar da cabeza as cousas que teño dentro, canalizalas na escrita de xeito que ao lector lle guste”. “Na literatura busco poder seguir facendo os experimentos que fago e poder transmitir as cousas que teño na cabeza de xeito que a xente as entenda.” A seguir, Rozas salientou a intención de Constela de “atopar tanto unha voz singular como que o lector sinta as cousas sen necesidade de dicirlle nada”. A ese respecto, Constela dixo que intentara en todo o libro eliminar ao narrador, “quería que o lector soubese o que pasaba a partir dos propios personaxes, o narrador funciona aquí como un espectador, o que sei que é difícil de conseguir”. Con respecto a outra cuestión afirmou que “o mellor que lle pode pasar a un artista, sexa un pintor ou un escrtior, é te runha voz propia, é o meu gran reto persoal, ter esa voz”.

Ramón Rozas preguntou, entón, sobre como conseguir que o lector olle a realidade doutra maneira. Constela confesou que sempre intentara “ver a realidade dun xeito distinto; gústame observar a realidade que me circunda, todo”. Seguiu a conversa sobre a devoción común sobre Julio Cortázar, tanto pola sensación de misterio dos relatos como polo xeito de afrontar a lectura da novela. A este teor, Constela recoñeceu que lle encantaba pasear pola praia cos cans, “no inverno en Lourido, Areas ou A Lanzada atopas de todo”. “O máis difícil que Cortázar conseguiu foi tecer un fío co lector sobre algo que poida parecer absurdo, pero absolutamente verosímil e coherente no relato. ë moi díficl de conseguilo. Eu inténtoo tamén. Lévame moito tempo corrixir e corrixir para conseguir esa capacidade de conectar co lector”.

(...)


No hay comentarios: