O pasado venres tivemos o pracer de conversar e acompañar á nosa ex-alumna Tamara Andrés Padín que presentaba o seu segundo libro, o poemario "Nenaespiraes" co que gañou o premio de poesía O Facho.
Foi unha noite máxica e entrañable xa que as tres profesoras que a acompañabamos fomos tamén as súas coordinadoras nos clubs de lectura de narrativa en galego e de banda deseñada, ademais alí estaban tamén Nerea e Marta antigas participantes tamén nos clubs ( xa van alá cinco ou seis anos).
Destacamos da súa intervención pequenos fragmentos xa que vos recomendamos a todos e todas que leades no futuro o seu libro:
Sobre a visualidade da poesía: " Gústame que o lector que se achege á miña poesía, que a vexa, que lle suxira imaxes".
Sobre a súa linguaxe: " A linguaxe que eu falo está condicionada polas miñas experiencias"
Sobre as súas fontes: " O que me gusta, absórboo e quero transmitilo á hora de escribir. Todas as lecturas que fago afectan á miña escrita e á miña personalidade en xeral".
Sobre "Nenaespiraes": Nena é a historia dunha muller que quere volver á infancia (ao inicio da espiral), a vida da muller vaise contaminando en canto que madura, é menos pura e quere retornar ao inicio"
Queremos felicitar a Tamara pola calidade da súa obra e desexarlle o mellor neste camiño da creación literaria.
1 comentario:
Foi unha noite máxica, sen dúbida. Moitísimas grazas por todo o apoio e o agarimo que me dades. A vosa compaña fai que o camiño aínda sexa máis especial.
Unha aperta enorme,
Tamara Andrés
Publicar un comentario