sábado, 19 de enero de 2013

"LAURA NO DESERTO" presentación da novela de Riveiro Coello en Pontevedra.

Na noitiña de onte puidemos asistir a presentación-coloquio de Laura no deserto, a última novela de Antón Riveiro Coello. O autor estivo presentado por Carlos Lema da Editorial Galaxia e o coloquio foi coordinado por Luís Bará do Concello de Pontevedra.
Carlos Lema realizou un percorrido pola traxectoria literaria de Riveiro Coello e comentou que nesta obra está a historia de España e do mundo, é unha novela que fai unha reflexión histórica sobre a historia de Galicia inserida na historia de Europa e na de Estados Unidos; a novela engaiola ao lector, a un lector que debe ser activo enredado nas tramas da novela.
Luís Bará afirmou que a vida itinerante de Riveiro Coello está presente na súa obra e na súa primeira pregunta refírese á recuperación da Memoria histórica, ao compromiso e coherencia do autor coa mesma.
O autor di que a súa obra está moi ligada a todos os lugares polos que pasou e que os escritores deben absorber o que ven e o que os rodea.
Bará fai referencia á estrutura complexa de Laura no deserto e pregunta se está baseada na vida de Mercedes Núñez xa que relata unha historia protagonizada por unha muller que se compromete na loita.
O autor afirma que cando un autor na súa obra abrangue periodos de tempo longos e a historia de varias xeracións é inevitable que toque o tema da Guerra Civil, según el, Laura é unha escolma de varias mulleres e unha parte importante de Mercedes Núñez. En canto a perspectiva feminina da novela Riveiro Coelho dique precisaba de distintas perspectivas; asegura que o mundo interior das mulleres é máis complexo có dun home e máis nunha etapa de conflito coma a que narra a novela.


1 comentario:

Fernando, Galaxia dijo...

Antón anima a seguir crendo na capacidade d@s autor@s galeg@s para crear e para recrear a historia colectiva. Que siga a agasallarnos con historias coma esta.

Fernando