Hoxe tivo lugar en Pontevedra o acto "Celebración de Uxío Novoneyra (1930-1999)", presentou Anxo Lorenzo, secretario xeral de Política Lingüística que informou sobre o contido do caderno Ramón Piñeiro nº XIV, ao que se referiu como "libro fermosamente traballado que lle encantaría ver a Uxío Novoneyra".
A seguir tomou a palabra Herminio Barreiro que citou: "se Deus falase galego sería coa voz de Uxío Novoneyra", " con Uxío pódeme o personaxe, a súa capacidade de ensoñación, lírico, épico..." .
Daniel Pino afirmou coñecer a voz antes cá persoa, "Uxío fíxome amar e ensinar a poesía desde unha perspectiva de voar alto e pisar a terra, e que o meu idioma era a lingua que agora alguén segue a terlle medo (...) Saúde onde esteas, amigo. "
Luís Cochón continuou citando ao poeta: "En poesía non debe haber palabras sobrantes".
Xosé Luís Méndez Ferrín realizou unha fermosa viaxe pola poesía de Novoneyra: " O preludio desde a poesía á soidade do individuo, as palabras que parten do corazón que se sinte individual e único no mundo". Na traxectoria do vate destaca os anos 50 cando Uxío decide que os poetas galegos debían ter un nome unido ao lugar de procedencia (e só o fai Avilés de Taramancos), do 57 son os textos oratorios.
En Madrid - continúa Ferrín- Novoneyra abrése a outra dimensión poética, o ton elexíaco, dramático da súa poesía, a dimensión política e revolucionaria: o poeta é revolucionario dentro da revolución e revolucionario na poesía ( Vietnam canto: os imperios poden ser vencidos e humillados polos pobos).
Nos 60, A letanía de Galiza e finalmente a retirada ao Caurel, a última xeira, insiste na caligrafía e nos aspectos plásticos.
Remata Ferrín a súa especial homenaxe a Novoneyra dicindo que foi excluído da Academia Galega coma outros grandes poetas (Celso Emilio Ferreiro por exemplo) pero afirma que iso non volverá acontecer.
1 comentario:
Unha recesión moi ben feita. Parabéns
Publicar un comentario