O problema máis importante da Educación en España é A INCLUSIÓN SOCIAL.
O 100% dos menores de 16 anos están escolarizados ( aída podería citar varios casos de adolescentes non escolarizados) pero hai un importante porcentaxe de absentismo e moitos deles non titulan na Secundaria Obrigatoria.
O contexto socioeconómico das familias é un factor importante a ter en conta na eficacia do noso sistema educativo.
A partir deste punto desenvolve que a pobreza económica é o principal factor que repercute na pobreza educativa pero desde o meu punto de vista hai factores como "A MARXINALIDADE SOCIAL" que marcan a moitos dos rapaces e rapazas do noso país, da que se fala pero para a que non se buscan solucións.
Os que nos nosos centros temos alumnado con este perfil buscamos como atemperar as consecuencias desta marxinalidade, como sortear as xustificacións ao absentismo e ás actuacións contrarias á convivencia, por parte das familias, e os resultados son mínimos comezando polo fracaso ás nosas solicitudes de recursos humanos e materiais para combater esta eiva na nosa escola.
A biblioteca pode e debe ser un espazo que nos axude a compensar desigualdades, sociais neste caso máis que económicas. Os nosos alumnos e alumnas non posúen nos seus fogares bibliotecas familiares, non posúen ordenadores con conexión á internet (aínda que si posúan móbiles de última xeración), non len porque na súa casa non len e porque as súas competencias en lecto-escritura son deficientes (a pesar de estar escolarizados desde 1º de Primaria).
É labor pois da nosa bibioteca intentar mudar hábitos, conquistalos para que accedan ao espazo desta e que se sintan acollidos no mesmo, xa que doutro xeito non entrarían.
No noso catálogo debemos ter libros, filmes e música adaptados ás súas necesidades e gustos.
Debemos deseñar pequenos proxectos dirixidos a eles, onde se combinen prácticas modeladas tendo en conta o seu perfil, reunilos, lerlles poemas, falar con eles, escoitalos (que aínda que nos sorprenda teñen moito que dicir e precisan da nosa atención e non das nosas sancións).
A biblioteca pode abrirlos a un mundo máis ordenado, onde atopen unha serenidade que non teñen no seu habitat familiar, un mundo sen berros, onde o silencio traia a calma e as súas palmas e os seus cantos permitan que se comuniquen con nós.
E tal vez poida pasar isto, da marxinalidade ao ceo da pintura:
A pintora Lita Cabellut